Actualidade e Noticias



A xerencia da área sanitaria de Vigo reforzará a atención médica no centro de saúde de Covelo
- 14/03/2023 -

O alcalde volveu pedir a implantación dun segundo médico de atención e o incremento dos días de atención do servizo de pediatría así como a necesidade de continuar mellorando as instalacións do centro e do material médico
O alcalde Pablo Castillo acompañou hoxe ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra e ao xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, na súa visita ao centro de saúde Covelo na que adiantaron ás e aos profesionais do servizo a intención do Goberno galego de incluir 8 prazas de médicos e pediatras, que darán servizo aos concellos de Covelo, Ponteareas, Arbo, Mondariz, Tui e Tomiño, na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.


En concreto, vanse incorporar tres médicos de familia para reforzar a Atención Primaria nos centros sanitarios de Covelo, Arbo e Ponteareas e cinco pediatras para os de Tui, que terá dous novos especialistas no ámbito infantil, Tomiño, Ponteareas e un compartido para os centros de saúde de Covelo e Mondariz.


O reforzo en materia de saúde é fundamental para garantir estabilidade e tranquilidade á veciñanza. No noso centro de saúde contamos con moi bos profesionais que se esforzan en mellorar o servizo e achegarse á cidadanía para coñecer as súas necesidades. Ademais, gustaríame salientar o empeño que poñen para formar ás persoas en cuestións sanitarias, de hixiene e bos hábitos tanto alimenticios como de actividade física. Unha cuestión moi importante que pode atallar pequenas doenzas e mellorar a vida das persoas”, explica o alcalde.


Pablo Castillo aproveitou o encontro para volver pedir a implantación dun segundo médico de atención e o incremento dos días de atención do servizo de pediatría así como a necesidade de continuar mellorando as instalacións do centro e do material médico


Pola súa banda, o delegado territorial manifestaba que “dende Galicia estamos a actuar co máximo inxenio e esforzo, tanto normativo como económico, para ser a primeira comunidade que adopta e consegue solucións fronte a falla de médicos de Atención Primeira e de pediatras que afecta a toda España. E dende o Sergas estamos a conseguilo paseniñamente con diversas medidas, entre as que figuran os novidosos concursos de méritos e outras que estamos a negociar cos profesionais, porque para a Xunta o máis importante é darlle a cobertura sanitaria axeitada aos galegos”.





<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade