A cantautora Roxana Mouriño presenta en Paraños o seu primeiro traballo discográfico "Raíces de Mar"
O concerto celebrarase o domingo 19 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa Cultural de Paraños, con entrada libre.
O Concello de Covelo continúa apostando pola promoción da cultura e do talento local coa organización do concerto da cantautora Roxana Mouriño, que presentará o seu primeiro traballo discográfico, "Raíces de Mar", o vindeiro domingo, 19 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa Cultural de Paraños.
Este concerto supón o inicio da súa xira por Galicia e ten un significado especialmente emotivo para a artista, xa que escolleu Paraños, a parroquia natal da súa familia, para comezar este novo camiño musical. Un regreso ás súas raíces, á súa xente e á paisaxe que inspirou moitas das súas composicións.
Desde o Concello de Covelo quérese destacar a importancia de apoiar e dar visibilidade ao talento das persoas vinculadas ao municipio. Roxana Mouriño representa unha nova xeración de creadoras que, a través da súa música de autor, transmite emoción, sensibilidade e un profundo vencello coa terra.
O público terá a oportunidade de descubrir en directo "Raíces de Mar", un traballo persoal e intimista no que a artista comparte as súas vivencias, lembranzas e emocións, convidando aos asistentes a realizar unha viaxe musical chea de autenticidade.
Este concerto está organizado polo Concello de Covelo e financiado pola Deputación de Pontevedra, dentro da programación cultural de verán que busca achegar propostas de calidade aos distintos núcleos do municipio e poñer en valor o talento de artistas da contorna.
Desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a este concerto e a acompañar a Roxana Mouriño nunha cita que será, sen dúbida, moi especial tanto para a artista como para todo o público. Unha oportunidade única para gozar da música en directo e celebrar o comezo dunha prometedora traxectoria artística.
