Actualidade e Noticias



Fogares de A Lamosa, Paraños e Prado da Canda terán mellor cobertura grazas á instalación dunha nova tecnoloxía
- 04/03/2023 -

A colaboración entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Lamosa e o Concello de Covelo permite a colocación dunha antena de última xeración
A colaboración entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Lamosa e o Concello de Covelo permitirá que arredor de douscentos fogares teñan mellor cobertura de televisión e telefonía. 
 
Na mañá de onte o presidente da comunidade de montes de A Lamosa, Nelso Paramés, e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, asinaron ante notario o convenio que facilitará a colocación dunha antena dando resposta así á demanda da veciñanza que tiña unha cobertura deficitaria de televisión e conexión telefónica.
 
“É indispensable traballar de xeito colaborativo e transversal para o ben común. A investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que se poñan a disposición das necesidades humanas, a cooperación entre administracións e o diálogo e bo entendemento entre axentes sociais e gobernos permiten que hoxe poidamos dar resposta á demanda da veciñanza destas parroquias”, explica Pablo Castillo.
 
Engade o alcalde, que o seu goberno apoiará os proxectos e iniciativas que fomenten o avance tecnolóxico e dixital en beneficio da veciñanza e dos negocios locais, que así poderán desenvolver a súa actividade profesional dende os fogares, estudar, realizar xestións e ter unha acceso á rede en igualdade.
 
A CMVMC de A Lamosa cede de xeito gratuíto durante 15 anos o uso de 82 m2 para instalar a antena e 1.100 m2 destinados a unha pista de acceso. A cesión poderá ser renovada en favor do Concello sempre e cando se manteña o uso. 
 
O presidente das e dos comuneiros da Lamosa salienta a importancia desta decisión e confía en que esta infraestrutura resolva todas as necesidades. “Hoxe en día o rural non debe estar illado e nestas parroquias temos mocidade que estuda, outra que ven nas fins de semana, persoas que a partir de agora poden teletraballar e é preciso dar un servizo de acceso tamén á oferta de lecer e informativa da televisión sen interrupcións”.
 
Esta antena de nova tecnoloxía dará servizo á veciñanza de A Lamosa, Paraños e Prado da Canda. Ubicada no lugar de Congosta, enmárcase dentro dun programa de colaboración desenvolto pola Xunta de Galicia e a FEGAMP.
 
Logo de ter avaliado outras alternativas que non darían un servizo tan amplo, alcalde e comuneiros prestaron especial atención a este proxecto de investigación que da os seus primeiros resultados coa implantación das primeiras antenas de última xeración.
 


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade