Actualidade e Noticias



A veciñanza de Covelo recibe formación para a realización de xestións administrativas a través da rede
- 28/02/2023 -

Profesionais da Administración Pública do Estado impartiron no auditorio unha clase sobre os principais servizos electrónicos
A veciñanza de Covelo recibíu formación no uso de ferramentas dixitais para relacionarse coa administración a través da rede. Profesionais da Administración Pública impartiron no auditorio municipal unha clase sobre os principais servizos prestados pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e os servizos electrónicos da administración xeral do Estado.


O Concello de Covelo puxo á disposición dos profesionais da administración todos os medios posibles para que a cidadanía recibise formación do programa “La Administración cerca de tí” que se desenvolve nas vilas de España para mellorar o coñecemento de ferramentas dixitais que facilitan a tramitación de determinados servizos sen ter que saír da casa. A tan só un clic podemos acceder aos nosos expedientes, realizar solicitudes e comprobar notificacións, entre outras xestións.


Dun xeito sinxelo, abordouse como descargar unha “Clave” que nos dea acceso a información e trámites ou un “certificado dixital”. Tamén se explicaron as medidas de seguridade de cada unha das plataformas, as principais características de cada unha delas, en que dispositivo electrónico e cando é axeitado utilizar unha ou outra e diversas consideracións e recomendacións para o seu emprego. Ademais facilitaron aos/ás asistentes a posibilidade de rexistrarse co sistema Clave.


A administración electrónica permite que as persoas que manexan dispositivos como un teléfono móbil ou un ordenador poidan xestionar citas, inscribirse en procesos, obter información, realizar consultas, coñecer o estado das súas solicitudes calquera día do ano e a calquera hora e moitas outras tarefas evitando desprazamentos.


O Concello de Covelo colabora coas distintas administracións para contribuír na alfabetización dixital e facilitar así o acceso á información e trámites electrónicos a un maior número de persoas o que supón un número menor de desprazamentos, un mellor manexo do tempo por parte das persoas, a contribución á redución de emisións de CO2, maior transparencia e mellor gobernanza, entre outros aspectos.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade