Present News



Covelo promove a compostaxe
- 22/02/2023 -

O Concello de Covelo en colaboración coa Sociedade Galega de Medio Ambiente entregará 25 novos composteiros e ofrecerá aprendizaxe para un mellor aproveitamento e rendemento
Co obxectivo de que as persoas poidan aproveitar os restos orgánicos que xeneran nos seus domicilios e reducir con isto a cantidade dos mesmos que decotío rematan no contedor verde ou xenérico. o Concello de Covelo está adherido ó Programa de compostaxe doméstica da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA).


O alcalde, Pablo Castillo, continúa na súa aposta por promover hábitos de vida máis respectuosos co medio natural, sendo este unha das principais riquezas do Concello. “O axeitado aproveitamento dos residuos orgánicos non só supón unha acción máis na protección do noso patrimonio natural ao substituir aos produtos químicos tamén pode ser un bo recurso para facer máis produtiva a terra. Somos conscientes do noso importante papel a nivel medioambiental, sobre todo, na área metropolitana e na súa contorna, sendo un dos concellos de referencia para o desfrute da natureza, un motivo máis para fomentar o seu coidado e a súa posta en valor”.


Neste sexto programa SOGAMA, en colaboración co Concello, facilitará ás persoas interesas un total de 25 composteiros, un manual de compostaxe doméstica e un pequeno curso de formación dunha hora de duración para procurar o maior éxito na implantación da experiencia composteira.


A cidadanía interesada en participar nesta iniciativa debe residir en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín, estar empadroados, non ter participado nos programas anteriores e solicitar a participación nas oficinas do Concello ata o luns 3 de Abril de 2023.


A selección dos 25 participantes que cumpran os requisitos farase por orde de solicitude, respectando as inscricións sen atender da quinta fase, e quedando os demais inscritos para unha posible fase posterior do programa.


O mercores día 5 de Abril ás 18:30 h. impartirase, no edificio de usos múltiples de Covelo, o curso de formación para a correcta técnica de compostaxe e entregaránse os 25 composteiros previstos ás persoas solicitantes.


A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como son os restos de comida e podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode utilizar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.


Para solventar dúbidas e realizar a solicitude poden dirixirse ás oficinas do Concello (teléfonos 986650027/47).



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade