Os orzamentos do Concello contemplan por sétimo ano consecutivo unha partida orzamentaria para a execución do Plan de Formación dirixido á veciñanza do Concello, con preferencia para as persoas desempregadas.
“Co obxecto de determinar os cursos máis axeitados e a programación ao longo do ano, sométese o plan a consulta pública para que tódalas persoas interesadas poidan facer as súas propostas tanto das temáticas dos cursos que lle gostaría facer como da calendarización”, explica a concelleira.
A cidadanía poderá elixir entre os cursos de acompañante de transporte escolar, alfabetización dixital, busca de emprego, contabilidade, informática, manipulador de alimentos, primeiros auxilios, operador/a apilador-transpalet eléctrico, operador/a de carretillas elevadoras, operador/a de ponte grúa, primeiros auxilios e xestión de stock e control de almacén. Como novidade preséntase o curso de apicultura de alto interese na zona dadas as características medioambientais de Covelo e que pode supor un bo aproveitamento dos recursos naturais obtendo produtos de alta calidade.
As persoas dispoñen de distintos xeitos de participar, poden cubrir a enquisa e presentala a través do correo electrónico covelo.culturalourdesenes@gmail.com, ou a través da sede electrónica na páxina web www.concellodecovelo.es ou nas oficinas de rexistro do Concello de Covelo ata as 14 h do 10 de febreiro de 2023.
“A intención é deseñar plans efectivos que cubran as necesidades das persoas e os sitúen nunha mellor plataforma de acceso ao mercado laboral”, conclúe Lourdes Enes.