Covelo pecha a primeira fase do IX Plan Municipal de Formación para o Emprego e anuncia a súa continuidade despois do verán.
Covelo, 5 de xuño de 2025
O Concello de Covelo vén de pechar a primeira fase do IX Plan Municipal de Formación para o Emprego, unha iniciativa estratéxica orientada a mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas do municipio.
Nesta primeira fase, desenvolvéronse con éxito seis accións formativas en ámbitos moi diversos e demandados:
Acompañante de transporte escolar e monitor/a de comedor
Técnicas de almacén
Limpeza industrial
Manipulación de alimentos e alérxenos
Inglés xeral aplicado ao comercio e turismo
Operador/a de carretilla elevadora
Todas as formacións contaron cunha alta participación, desenvolvéronse nas instalacións municipais e foron impartidas por profesionais especializados.
O obxectivo do Plan, en liña co compromiso municipal pola mellora das condicións de vida da veciñanza, é previr e reducir o desemprego, fomentar a formación ao longo da vida e dotar á poboación das ferramentas necesarias para acceder ou mellorar no mercado laboral.
Dende o Concello, considérase que as administracións públicas deben impulsar medidas concretas que favorezan a recolocación, a orientación laboral e o acceso á formación, especialmente para as persoas en situación de desemprego.
A iniciativa continuará coa segunda fase do plan despois do verán, incorporando novas accións formativas adaptadas ás necesidades detectadas, sempre coa vista posta na mellora da cualificación profesional, a creación de oportunidades e a promoción do emprego de calidade.
Para máis información, a veciñanza pode dirixirse ás oficinas municipais ou contactar coa Concelleira de Formación e Emprego e co departamento de Desenvolvemento Local a través do 986 650 027 (ext. 1 ou 4).