Así, o pleno deu luz verde á proposta do goberno de recepcionar a cesión temporal e gratuíta do pazo abacial de San Martiño para a súa rehabilitación. Ao longo dos vindeiros 50 anos o Concello de Covelo xestionará esta importante obra do patrimonio arquitectónico e cultural, podendo despois prorrogalo baixo acordo do Concello e da Diócese de Tui-Vigo. Co obxectivo de restaurala e pola en valor, o Concello de Covelo recepciona este ben histórico que considera de interese público.
“Este conxunto arquitectónico atrae a curiosidade de viaxeiros e viaxeiras que se achegan ao noso concello só para coñecelo e cremos que é importante que recupere o seu esplendor para o goce non só da cidadanía, tamén dos e das visitantes e en especial para o desfrute da veciñanza de Barcia de Mera ”, sinala o alcalde, Pablo Castillo.
Nas vindeiras semanas Castillo desprazarase a Santiago de Compostela para reunirse coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e comezar as xestións administrativas para a redacción do proxecto de rehabilitación. O proceso acompañarase da tramitación das correspondentes autorizacións e licencias que permitan a intervención.
O Concello proxecta para este conxunto barroco a prestación de servizos socio-culturais públicos, entre outros posibles usos, que beneficien á cidadanía, que promovan o coñecemento do pazo abacial e, en definitiva, que lle dean vida e sexa para o desfrute de todas e todos dende “o respecto a esta xoia do pasado que chegou ata os nosos días sen perder o seu valor e beleza”.
Pablo Castillo suliña que a cesión do Pazo posibilitará un amplo e rico espazo no que ofrecer actividades culturais, con prioridade para as iniciativas da parroquia de Barcia de Mera.
Por último, quere agradecer a boa disposición do bispado e de D. Rafael, sacerdote da parroquia, por aceptar as condicións da cesión e poder destinalo ao uso público da parroquia de Barcia de Mera.