Coidar non só da túa saúde física, tamén da mental, é indispensable para un día a día saudable e diso tamén se preocupan dende o Club de Patinaxe de Covelo que ofrece aos pequenos e pequenas de Covelo e da contorna unha actividade tan completa como a patinaxe artística. No seu afán de beneficiar e brindar oportunidades a un maior público hai catro anos fundaron o Club Tea que ofrece os seus adestramentos no concello veciño de Ponteareas.
Como cada ano, celebraron o seu festival de nadal para amosar ao público o seu agradecemento e o seu traballo con exhibicións e sorpresas porque non todo é adestrar e competir.
O Club de Patinaxe Covelo leva organizado distintos campionatos de España nas categorías de infantil (2005), cadete (2008), alevín (2010), xuvenil (2014) e tamén o Trofeo Internacional Cruceiro de Covelo que dende o ano 2009 atrae ao concello a patinadoras/es de toda España. Ademais acolleron distintos campionatos Deputación de Pontevedra, campionatos galegos, campionatos provinciais e o Trofeo Xunta entre outras moitas probas que aportan ao concello unha constante actividade deportiva.
As súas e os seus patinadores levaron o nome de Covelo por campionatos e podiums españois e europeos e, na actualidade, contan con adestradoras/es profesionais que medraron no propio club. A adestradora Antía Pimentel e Carmen Moreira e Xabi Gómez do equipo técnico transmiten, xornada tras xornada, non só a súa experiencia e coñecementos, tamén o cariño polo club que os acompañou ao longo da súa vida.
En dezaoito anos consecutivos conseguíronse numerosos trofeos, campionatos galegos, provinciais… asentando a práctica deste deporte na bisbarra, descoñecido para moitas e moitos, pero que, nestes intres, está á cabeza dos deportes polo seu nivel de traballo, dedicacións e paixón.
No club hai sitio para todas e todos e así reparten aos seus deportistas en tres grupos: iniciación (3-17 anos de idade) para que coñezan este deporte a calquera idade, preclub para as e os que queren especializarse nesta disciplina e club para aquelas e aqueles que xa queren afrontar o reto das competicións.
A directiva do club sinala que o club está aberto a todas as persoas que queiran coñecer esta práctica deportiva e poden contactar no número de teléfono 645 43 83 58.