Así será mañá en Covelo, o pavillón municipal transformarase nun espazo de convivencia cun obxectivo, visibilizar o cancro hematalóxico. Covelo abre as portas ao Torneo Internacional Fútsal ASOTRAME no que participarán 70 equipos de Galicia, de España e de Portugal.
Cando no mes de xullo ASOTRAME (Asociación galega de persoas afectadas por transplantes medulares e outras enfermidades oncohematolóxicas) recibíu a chamada do equipo “Selección O Camiño” un novo fío de luz entrou nas súas vidas. Liderados por Iván Vilariño e un grupo de adestradores/as o equipo Selección O Camiño tiña claro o seu obxectivo, amosar o seu compromiso coa sociedade a través do fútbol e así foi. De aí xurdiu a idea de estampar nas camisolas de paseo do combinado o logo da asociación e máis o lema “Doa médula, doa vida” e tamén a posta en marcha dun torneo, o Internacional Futsal Asotrame.
A asociación, con presenza en boa parte dos hospitais públicos de Galicia, desenvolve un intenso traballo de concienciación sobre a doazón, presta apoio económico á investigación contra o cancro do sangue, e ofrece apoio a pacientes e expacientes oncohematolóxicos e familiares, a través de distintos servizos e programas (atención psicosocial, vivendas de estancia temporal para doentes desprazados, oncoioga).
David Vivar, coordinador de ASOTRAME, explica que detrás do seu proxecto están máis de duascentas persoas asociadas, corenta voluntarios/as, vinte e tres empresas colaboradoras e persoal que traballa a diario para mellorar o día a días das persoas con cancros hematolóxicos. Subliña ademais que a colaboración da Selección Camiño de Santiago “Ten un dobre valor porque conciencia non só ás familias implicadas senón tamén ao público facendo unha valiosa contribución de sensibilización”.
Un equipo de nenos e nenas de todas as idades leva o nome desta asociación e de todas as persoas afectadas a cada terreo de xogo dando un exemplo de solidaridade e de esperanza. En cada golpe de balón hai unha mensaxe de ánimo ao igual que en cada camiseta ou produto que venden nos seus postos informativos como o que colocarán en Covelo mañá ou o deste xoves en Ponteareas no pavillón Álvaro Pino de 11 a 13:30 horas.
“Na miña familia tiven varios casos de cancro e quería aportar, así que ocurríuseme facer algo dende a miña profesión, adestrador de fútbol, e un día busquei na rede ONGs galegas e chamei, a primeira en responder foi ASOTRAME. Eu quería unha ONG 100% galega. Creamos a selección, fomos a Cantabria e fixemos un moi bo papel gañándolle a clubes moi importantes e aquí estamos, medrando co apoio de todas as familias” explica Iván Vilariño que quere amosar tamén o seu agradecemento ao club Cíos de Vigo, “porque ademais de organizar e non gañar nada tamén contribuíron no pago da arbitraxe como o resto dos equipos participantes”. Iván Vilariño deu salto dende os clubs de Pontevedra e Conxo ao de Suíza e hoxe achega o seu compromiso a cada recuncho ao que vai.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, quere trasladar o seu fondo agradecemento tanto ás persoas organizadoras como aos equipos e membros de ASOTRAME polo seu traballo e a súa implicación.
Máis de mil nenos e nenas de distintas categorías participarán neste torneo organizado polo club Cíos Vigo Fútbol Sala en colaboración co concello de Covelo, Pazos de Borbén, Mondariz e Ponteareas, coa Xunta de Galicia, Deputacion de Pontevedra, Deporte Galego e a Real Federación Galega de Fútbol a través de XOGADE, ademais de empresas colaboradoras como Agua Sana de Belesar.