Pola súa contribución ao coñecemento e posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, o Concello de Covelo, a proposta da cidadanía, fixo entrega destes premios que salientan o traballo das persoas que pola súa implicación contribúen a difundir o nome de Covelo e as súas riquezas medioambientais, etnográficas e culturais.
O acto foi conducido pola concelleira do goberno, Lourdes Enes e os galardóns foron entregados pola concelleira do BNG, Laura Santiso Castillo e polo concelleiro do PSOE, José Fernández Muradas. Na entrega, o alcalde Pablo Castillo lembrou os primeiros contactos que o intrépido divulgador e investigador, Fernández de la Cigoña, facía no concello de Covelo, percorrendo cada corredoira na procura da singularidade e de pistas do rico pasado que agocha esta terra. Tamén augurou un futuro cheo de premios para o guía de montaña e fotógrafo Julio Eiroa e salientou dos dous a súa paixón pola investigación, pola natureza e polo patrimonio cultural.
Os artistas Ialma e Antonio Barros pecharon esta gala cunha entrañable actuación musical para dar paso a un brindis e compartir un tempo de conversa distendida cos galardoados.