Por ser elementos fundamentais para a dinamización e posta en valor do noso patrinonio natural e cultural sete colectivos de Covelo reciben un total de 8.000€ neste ano 2022. O alcalde, Pablo Castillo, adianta que seguirá apoiando o traballo destes e doutros colectivos que contribúan a prolongar o legado medioambiental e patrimonial.
Concretamente, a asociación de mulleres e familias do ámbito rural Fragas do Tea recibe mil euros polas clases de canto e percusión tradicional galega; a coral Xuntanza pola realización de actividades músico-didácticas, 1.000€; a asociación Terra por Terra de Barcia de Mera, 1.500€; a fundación EOMAIA, 500€; a asociación cultural e deportiva Xabriña de Paraños, 500€; a asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelonatural polo asesoramento técnico e didáctico en bioloxía en dúas saídas prácticas ao Montouto e á serra do Suído, 500€ e a asociación cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera, 2.500€ pola organización do ciclo de música que cada ano ten lugar na igrexa de San Martiño.
“Son para nós iniciativas que non só nos recordan os bens e potenciais que temos, tamén atraen a milleiros de persoas ao noso concello beneficiando ao resto dos sectores económicos”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Estas axudas súmanse as outorgadas á Asociación de Nais e Pais do CEIP Antonio Blanco Rodríguez por un total de 5.700€ e aos clubs deportivos locais por un total de 6.000€ sumando xunto ás axudas aos colectivos cuturais e medioambientais un total de 19.700€.
O goberno de Covelo amosa así o seu compromiso co asociacionismo considerándoo fundamental para o desenvolvemento persoal das veciñas e dos veciños e posilitando, ademais, que poidan realizar actividades sen saír do seu concello.