Este sábado 20 de abril o británico Tom Glendenning ilustrará o recinto do skate park de Covelo para visibilizar a emerxencia climática
- 20/04/2024 -
A obra "Hai dous futuros" chamará a actuar contra a emerxencia climática tras ser unha das gañadoras do Concurso de Murais "People & Planet" convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.
O británico Tom Glendenning, residente na cidade de Pontevedra, encargarase de ilustrar o recinto do skate park de Covelo (Pontevedra) coa obra ‘Hai dous futuros’. O xurado valorou a capacidade da proposta para celebrar a natureza con liñas de nivel e cores que evocan a paisaxe, remitíndonos tamén a unha especie de mapa de calor sobre o que nos alerta o ODS 13. Cun estilo abstracto pero propio, a obra espertará a curiosidade en quen a observe, que deberá elixir entre un camiño en harmonía co medio ou un futuro de sombras grises.
Catro obras chamarán a actuar contra a emerxencia climática nos concellos do Barco de Valdeorras, Covelo, Narón e Guitiriz tras gañar o Concurso de Murais ‘People & Planet’. As propostas de Felipe Zúñiga, Tom Glendenning, Andrea Luengo e Pedro González resultaron ser as que mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que convida a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”. Unha viaxe sostible a Cabo Verde é o premio desta primeira edición do certame, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.