Present News



Covelo prepárase para gozar do Nadal con música, espectáculos e cabalgata
- 01/12/2022 -

Este sábado haberá unha edición especial da feira que amplía o seu horario ata as 19 horas
O Concello de Covelo acenderá as súas luces de Nadal este sábado día 3 para arroupar a edición especial da Mostra de Produtos de Covelo para logo apagalas ata o 6 de decembro, día no que procederán ao acendido oficial tanto no centro urbano como en todas as parroquias, así contribuirán ao aforro enerxético dando cumprimento a un dos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e resposta a un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 2030), tal e como o explicaban a concelleira de Cultura Lourdes Enes e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, na presentación da programación cultural de Nadal.


Este sábado día 3 a feira especial de Nadal abrirá o programa de actividades de lecer con artesanía local na praza Mestre Cerviño. Esta edición especial Nadal prolongará o seu horario e permanecerá aberta ao público ata as 19 horas. No marco da celebración da feira de produtos de Covelo ás 12:30 horas ofrecerase para os máis cativos e cativas unha actividade infantil con xogos, panxoliñas e un concurso de baile con premios. Ás 17:30 horas teremos actuacións musicais en directo co duo Gure Terra e a visita de Papá Noel que virá coa súa caixa de correos máxica para recoller todos os desexos e peticións da cativada.


O domingo día 11 terá lugar no pavillón municipal de Covelo o Festival de Nadal do Club de Patinaxe e o domingo 18 ás 18:30 horas será a gala dos galardóns “Síntete Covelo 2022” no auditorio municipal do concello coa actuación de Antonio Barros e Ialma.


O venres 23 a compañía Asacocirco actuará na praza Mestre Cerviño ás 16:30 horas e o día 30 a esta mesma hora actuarán os Zancudos de Branco.


O día de Reis, 6 de xaneiro, sairá o rei Melchor ás 16:30 da parroquia de Fofe para ir a Piñeiro, Barcia de Mera e Casteláns e o mesmo fará Gaspar dende A Graña, Campo, Godóns, Prado e Maceira e Baltasar dende Prado da Canda, Lamosa, Paraños e Santa Mariña. A Cabalgata dos Reis Magos chegará á praza Mestre Cerviño arredor das 18:30 onde entregarán agasallos doces para todos os nenos e as nenas ao tempo que gozan de animación musical para toda a familia.


O sábado 7 de xaneiro de 2023 teremos unha cita coa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño no seu horario de costume, de 10 a 14 horas aproximadamente e ás 18:30 horas o Concerto de Nadal da Coral Xuntanza de Covelo no auditorio municipal.


Un Nadal en familia no que gozar de actividades para todos os públicos e no que a maxia destas datas chegue a todas as parroquias, así queremos celebrar estas festividades dando a posibilidade de reencontrarnos con amigos e compartir tempo coas persoas da nosa contorna”, engade o alcalde.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade