Elfos e paxes confían no bo facer do voluntariado de Covelo para ter todo listo para o Nadal
Cada xoves pola tarde e nos tempos que poden reúnense para que o desfile de Nadal do día 6 de xaneiro chegue a cada parroquia con remate no centro urbano
Elfos e paxes acordaron este ano confiar no bo facer das persoas voluntarias que se prestaron a ir preparando o desfile de Nadal. Ante a morea de peticións e desexos os e as axudantes máxicas de papá Noel e dos Reis Magos de Oriente decidiron depositar toda a súa confianza nestas persoas. Conscientes de que, ao igual ca eles, as persoas voluntarias son portadoras de ilusións e boas intencións, por unanimidade decidiron trasladar as directrices do deseño das carrozas para que todo estea listo para desfilar por Covelo.
Así, cada xoves pola tarde, as persoas voluntarias de Covelo reúnense no baixo do pavillón municipal e xuntos/as dan forma a cada elemento e vida a todo o atrezzo das carrozas.
De xeito colaborativo traballan en coordinación directa con Laponia e con Oriente e repoñen os folgos cun biscoito caseiro ou cun chocolate ben quente. Un pon a cafetera, outro a música, outro os doces … e así un por un poñen ritmo de traballo rumbo a un desfile que percorrerá todas as parroquias de Covelo e rematará cun desfile e festa na praza Mestre Cerviño o día 6 de xaneiro do, xa inmediato, ano 2023