Manuel Garea Castro e Alfonso Rey Pazos, da asociación micolóxica A Zarrota, guías de luxo na primeira xornada micolóxica organizada por Covelo Natural
A primeira cita micolóxica de Covelo reúne a persoas de toda a área metropolitana
“Gozar dunha ruta a pé arrodeado de carballos, fauna e flora autóctona na boa compaña de todos e todas as asistentes con guias expertos, con exposición enriquecida polos coñecementos de Manuel Garea e Alfonso Rey da asociación Micolóxica A Zarrota fai que un sábado de outono sexa irrepetible e que nos animemos a seguir organizando novas xornadas”, así o resume a asociación Covelo Natural que este sábado tivo que deixar a persoas en listaxe de espera.
Aos dous días de abrir o prazo de inscrición as prazas dispoñibles xa estaban reservadas xa que son moitos e moitas as que, cada ano, agardan a celebración desta actividade. Persoas de toda a área metropolitana achegáronse a Covelo, de Vigo, Baiona, Nigrán, Redondela, Salvaterra, Salceda de Caselas, As Neves, A Caniza e así ata completar o grupo.
Ofrecer unha xornada que contemple todos os aspectos precisos para introducirse no mundo da micoloxía é un dos obxectivos e por este motivo primeiro realizan unha identificación das variedades máis frecuentes na comarca para logo saír ao campo, nesta ocasión a Piñoi, ao regreso expor os cogumelos atopados e xa como colofón final, cociñalas e degustalas no bar Buraco.
Trinta anos compartindo coñecementos
As persoas participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos expertos Manuel Garea Castro e Alfonso Rey Pazos da asociación micolóxica A Zarrota que ao longo destes últimos trinta anos visitaron o noso concello para compartir os seus coñecementos. Con eles as persoas participantes aprenderon a valorar os fungos e conversaron arredor das especies atopadas, entre outras moitas máis comúns nesta comarca. Dende velenosas como a amanita phalloides ou a muscaria (seta dos enanitos ou brincabois) ata comestibles como cantharellus tubaeformes (angula de monte) foron observadas e estudadas no auditorio municipal de Covelo.
O alcalde, Pablo Castillo, valora moi positivamente este tipo de iniciativas que axudan a enriquecer non só ás persoas participantes, tamén a veciñanza en xeral que pode interactuar cos e coas visitantes. “Estas actividades ofrecen coñecementos, amosan a nosa paisaxe, a poñen en valor a nosa riqueza natural e dan vida aos negocios locais polo que o concello valora moito o traballo tanto de Covelo Natural como o de todas aquelas asociacións e colectivos que contribúen a dinamizar o noso día a día”.
A asociación Covelo Natural oferta unha nova xornada, en colaboración co Concello de Covelo, o vindeiro sábado día 3 de decembro con saída guiada, exposición das variedades atopadas, proxección dun documental sobre o papel ecolóxico dos fungos, debate e, para pechar o día, obradoiro de micograstronomía con degustación e música en vivo no restaurante Lemos da Ermida, Covelo.