Actualidade e Noticias



A Xunta financia melloras nas instalacións da escola infantil pública de Covelo por un valor de 23.000 €
- 05/11/2022 -

Colocouse chan novo nas aulas, realizáronse tarefas de pintado e renováronse as portas de aluminio interiores, entre outras actuacións
O alcalde Pablo Castillo visitou a escola infantil acompañado do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para supervisar as obras de mellora realizadas neste centro pertencente á rede pública autonómica e que tiveron un custo de 23.000 euros.


Investir na mellora dos servizos públicos é un dos obxectivos do goberno de Pablo Castillo que concorda con Perfecto Rodríguez en salientar “a importancia que ten a colaboración dos Concellos para poñer á disposición das familias as mellores instalacións para o coidado e atención dos seus fillos/as”, así o manifestaron durante a súa visita.

 

Para non afectar ás actividades na escola as obras realizáronse ao longo do mes de verán, aproveitando que estaba pechada. Estas consistiron, fundamentalmente, na colocación de chan novo nas aulas e noutras salas do inmoble co fin de mellorar as condicións de illamento; en tarefas de pintado e de eliminación de pequenas humidades en paredes; na renovación das portas de aluminio interiores e na mellora da sinalización e dos elementos de emerxencia.

 

A necesidade destes traballos foi previamente acordada coa comunidade educativa e contaron coa supervisión dos/das técnicos do Consorcio e do Concello, que foi o encargado de executalos. Pola súa parte, o ente autonómico financia o 100% das melloras realizadas mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público.


Gratuidade

Neste momentos, a escola infantil de Covelo conta con máis dunha vintena de nenos de 0 a 3 anos matriculados e cuxas familias non teñen que pagar nada pola atención educativa que reciben.

 

Este curso escolar é o primeiro no que se aplica esta gratuidade en todos os centros de Galicia, con independencia da súa titularidade, e para o 100% do seu alumnado; o que supón un aforro de ata 2000 euros por fillo e curso para os fogares galegos.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade