No salón de plenos da Casa do Concello o enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, Daniel Domínguez Alonso, manifestou ás persoas presentes a súa intención de traballar da man dos e das pacientes do centro de saúde local para poder ofrecerlles consellos, pautas e solucións a boa parte dos seus problemas.
Domínguez avanzou coa cidadanía na posibilidade de deseñar obradoiros e sesións relacionados coa saúde e abrir unha canle dixital de información para difundir toda a información que se xenera e así achegarse e dar servizo a un maior número de persoas.
No encontro tamén falaron de hábitos alimenticios, de exercizos para mellorar a musculatura e as articulacións, de vacinas, de doenzas e de como atenuar síntomas e, sobre todo, de como achegar o centro de saúde aos seus usuarios e usuarias.
Coa intención de establecer unha relación de proximidade e de coñecer ben á comunidade o enfermeiro Daniel Domínguez interesouse por estas e outras moitas cuestións e así tamén poder estar preparados para atender todo tipo de demandas e ofrecer o asesoramento pertinente, dentro das súas competencias, sen que teñan que desprazarse a outras localidades e centros sanitarios.
Daniel Domínguez explica que nos ámbitos rurais os servizos médicos e de enfermería enfróntanse a outro tipo de realidades axudándoos a ampliar os seus coñecementos e experiencia profesional e vital.