A charla informativa será no auditorio municipal ás 11:30 horas a cargo do coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), Vicente Feijóo Ares.
Esta campaña informativa organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Real Academia Galega e na que tamén participa o Concello de Covelo, ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía da riqueza cultural que se agocha detrás da microtoponimia galega e o risco que ten de perderse.
Coa intención de pór en valor a nosa toponimia, de implicar á cidadanía para recoller o maior número de topónimos posibles e de deixar o noso legado aos/ máis novos/as, o acto está aberto a todas as persoas interesadas, ás nais e pais do alumnado CEIP Antonio Rodríguez Blanco que participará asistindo á charla divulgativa, ás asociacións e colectivos municipais que poidan interacturar coas e cos máis maiores do concello e ás directivas e membros de comunidades de montes que poderán logo ensinar o manexo da APP a toda a súa veciñanza.
“Galicia Nominada” é unha aplicación colaborativa que será explicada pormenorizadamente na charla do venres para que todos e todas poidamos sacarlle a máxima rendabilidade obtendo unha ampla base de datos xeoreferenciada e normativizada. Ademais, Feijoo Ares explicará ao público o significado dos topónimos maiores do concello.
O alcalde Pablo Castillo anima a todas as persoas a asistir e formar parte da recuperación da identidade de Covelo mantendo vivo o seu coñecemento e a súa riqueza cultural.