Present News



Covelo e a Universidade de Vigo promoven o coñecemento científico entre a cidadanía
- 15/09/2022 -

O Alcalde, Pablo Castillo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, veñen de asinar un convenio de colaboración para promover o desenvolvemento científico e tecnolóxico entre a veciñanza
 O concello de Covelo e a Universidade Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración para promover o desenvolvemento científico e tecnolóxico na procura dunha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.


O alcalde, Pablo Castillo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, asinaron o convenio co obxectivo de realizar actividades e proxectos que fomenten o coñecemento da contorna, promover a mellora da saúde e tratar temas de interese local a través de cursos, conferencias e seminarios dirixidos a persoas maiores de 55 anos.


Este xoves, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, formalizou esta colaboración co Concello de Covelo asinando o convenio co alcalde, Pablo Castillo, egresado da Universidade de Vigo, en concreto da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.


Espallar o coñecemento máis aló dos campus

No acto de sinatura, o reitor destacou a importancia de “democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida” pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa moi exitosa nos tres campus, “queremos facer país tendo unha presenza en todas os lugares da xeografía galega que nos sexa posible”.


Neste sentido, o rexedor de Covelo subliñou a importancia deste contacto estreito cos “concellos pequenos”, que permite “abrir a Universidade a toda a súa contorna”.


Enmarcado no proxecto “Mareas de coñecemento e experiencia” da Uvigo, permitirá o desenvolvemento de tres seminarios con temáticas diferentes. O primeiro deles versará sobre tecnoloxía e uso de ferramentas no telefono móbil. O segundo arredor da arte e historia, afondando no patrimonio histórico cultural de Covelo cunha sesión teórica e divulgativa e unha segunda sesión práctica na que o alumnado visitará os xacementos relacionados co impartido.


O terceiro seminario abordará a Saúde e o Benestar. Os hábitos alimenticios e a mellora da saúde a través dunha alimentación axeitada serán os principais aspectos a tratar, sempre na procura da dunha mellora calidade de vida tanto para as persoas asistentes como para as persoas coas que conviven e ás que coidan.


Mareas de coñecemento

Mareas de coñecemento e experiencia é un proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa que aborda eidos como a xeografía, a arte e a historia; a ciencia e medio ambiente; a saúde e o benestar ou as tecnoloxías, adaptando sempre os contidos ás demandas dos concellos implicados.


Este programa de democratización do coñecemento, que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.


Tras o seu paso ao longo dos últimos cursos por Ribadavia, Leiro, Gondomar, Nigrán, Forcarei ou Tui, e despois de dous anos marcados pola pandemia, este curso bota andar nos concellos do Rosal, Covelo e Celanova e, en próximas datas, arrancará tamén en Moaña.


O alcalde, Pablo Castillo, explica que 15 persoas están a recibir, nestes días, formación relacionada coas TIC, as App e as ferramentas dixitais, que foron os contidos máis demandados polo concello.



PROGRAMA

Seminario I «Tecnoloxía uso de ferramentas no telefono móbil»

María Rodríguez Damián y Amparo Rodríguez Damián. Profesoras da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo .

  • 14 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 1: «O teléfono móbil. Configuración básica. WhatsApp e Videollamadas. Lecturas código QR. Aplicaciones de banca electrónica y pago»

  • 15 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 2 «Outras aplicacións. Calendarios de vacinación e medicacións, Petición de citas médicas, Localización de persoas, etc.»

Seminario II «Arte e historia»

Elisa Pereira García. Profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo

  • 19 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: «Patrimonio do concello de Covelo. Mámoas e petroglifos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos »

  • 20 de septembro, de 16.30 a 19.30 h. Sesión práctica: «Visita as Mámoas e os petroglífos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos (Cerviño)»

Seminario III «Saúde e benestar»

José Luis García Soidán. Profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

da Universidade de Vigo

  • 21 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: «Contorna natural. Alimentación e saúde»

  • 22 de setembro, de 16.30 a 19.30 h . Ruta cardio-saudable dende ruta do Rio Alen a Barcia de Mera. A andaina durará en torno a dúas horas.

     

As clases impartiranse no Auditorio Municipal, rúa travesía de Vigo 11, Covelo



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade