O PLAN hURBE 2019-2020, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, continúa na senda iniciada polo PLANS hURBE 2010-2013 e 2014-2017 tratando de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sostible, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades, que se encadren nos obxectivos fixados neste Plan.
A tal fin e preciso, acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.
Ao abeiro do dito plan o Concello de Covelo realizou as obras de "Mellora do Parque Público de Maceira", con estas obras o concello busca intervir neste espazo público para evitar a súa paulatina perda de protagonismo, dotándoo dunha configuración máis actual, accesible e humanizada, de forma que se cree un ámbito máis atractivo que o poña en valor como espazo de convivencia, encontro e esparexemento dos veciños, co emprego de materiais e acabados xa utilizados noutras intervencións no ámbito rural, conseguindo dese modo uniformidade nas actuacións municipais destes espazos públicos.
Priorizouse a creación de percorridos accesibles entre as distintas plataformas do parque, comunicando a zona inferior, na que se localiza o parque infantil, co resto de plataformas e viais perimetrais mediante ramplas accesibles. Do mesmo xeito, potenciouse o uso da zona intermedia e superior como lugar de encontro dos veciños, dotándoa dun mobiliario actualizado (parte do cal será accesible) e materiais con acabados suaves e naturais (especialmente nos pavimentos e muros). Por último, dotouse ao parque de iluminación
led con iluminación indirecta nas zonas de estancia e mediante proxectores na zona inferior (modificando e ampliando a existente).
Para levar a cabo esta actuación, o Concello contou tamén coa cofinanzación da Deputación de Pontevedra a través da Liña 1 do Plan Concellos 2020 e Plan Concellos 2021.