O sábado a partir das 20 horas na praza Mestre Cerviño poderanse degustar os postres do concurso de repostería e coñeceremos, tamén, as e os gañadores dos concursos de fotografía, debuxo e repostería convocados en distintas categorías.
O Concello de Covelo repartirá 450€ en premios, “cada ano convocamos estes concursos que pretenden fomentar a creatividade e valorar o talento das persoas con inquedanzas artísticas”, explica a concelleira de cultura, Lourdes Enes.
A continuación, ás 22:30 horas dentro da programación do Verán Cultural de Covelo, comezará a primeira sesión de cine na rúa coa película “Trasto, de la mansión a la calle”, actividade que conta co apoio da Deputación de Pontevedra.