Present News



Covelo apoiará á infancia con necesidades específicas a través do servizo de atención temperá
- 27/07/2022 -

Alcaldes dos concellos de A Cañiza, Melón, Mondariz e Mondariz Balneario asinaron xunto ao concello de Covelo o convenio de colaboración que posibilita ofrecer este servizo público en cada un dos concellos
Dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, ese é o obxectivo do servizo de atención temperá co que contará o Concello de Covelo logo de asinar na mañá de hoxe o convenio de xestión compartida deste servizo cos Concellos de A Cañiza, Melón, Mondariz e Mondariz Balneario.

 

Os alcaldes dos cinco concellos asinaron hoxe o documento que permitirá empregar as ferramentas precisas para facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social dos nenos e das nenas con necesidades específicas. A agrupación de concellos prestadora do servizo de atención temperá da rede galega dirixirá o seu traballos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.

 

Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial (biolóxica, psicolóxica, social e cultural) que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.

 

A sinatura deste convenio posibilita ofrecer un servizo indispensable para a infancia xa que unha intervención a tempo pode mellorar moito o desenvolvemento dos cativos e cativas e mellorar, así, non só a súa infancia se non tamén o resto da súa vida, ademais de supor un apoio para as familias que, sen saír do seu concello, poden contar coa axuda de profesionais expertos”, explica Pablo Castillo alcalde de Covelo.

 

Grazas a este convenio o Concello de Covelo ofrecerá este servizo unha vez á semana en xornada completa de mañá e tarde. O servizo de atención temperá contará cun mínimo de tres integrantes, será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermería, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina.

 

Entre as súas funcións estarán a diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento, desenvolvemento psicomotor, desenvolvemento cognitivo, desenvolvemento da linguaxe e comunicación, desenvolvemento da autonomíam desenvolvemento da área social e afectiva e apoio, información, habilitación e formación da familia.

 

Os trastornos no desenvolvemento son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas.

 

O convenio asinado hoxe no Concello de A Cañiza fixa as principais liñas de colaboración así como a coordinación, dirección, xestión, financiamento, organización e funcionamento.

 

O presente convenio baséase no principio xeral de colaboración interadministrativa e posibilitará a prestación deste servizo público, minorando os custos económicos da prestación illada, garantindo o acceso dos veciños a uns servizos públicos de calidade mediante unha oferta de recursos suficiente e equilibrada e dará resposta ás necesidades da poboación mediante unha axeitada planificación previa.

 

O Concello de Covelo aportará un 20% do custo da prestación deste importante servizo público que supón un investimento semestral de 56.105,71€.

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade