Os traballos suporán un investimento de 32.175,88€ e consistirán na instalación de falsos teitos na zona de vestiarios, rexuntado e tratamento das paredes interiores de pedra, alicatado en vestiarios, acondicionamento dos aseos para facilitar a súa accesibilidade a persoas con mobilidade reducida, substitución das portas interiores e exteriores, mellora da instalación da iluminación e electricidade da estancia principal e pintado, entre outros arranxos.
Con esta actuación o Concello resolve os problemas de humidades e suciedade, os de deterioro polo paso do tempo, a falta de accesibilidade e desperfectos ademais de actualizar fontanería e electricidade.
O edificio da escola de Redondo, de 118,68 m2, está situado dentro da área de protección da Capela de San Xosé, elemento catalogado do Patrimonio Cultural e incluído dentro do catálogo de elementos de bens culturais do PXOM de Covelo, aprobado en 1999.
Pablo Castillo, alcalde de Covelo, sinala que previamente se realizaron obras de mellora nas paredes exteriores e tellado eliminando filtracións de auga ao interior e restaurando as paredes para devolver as fachadas ao seu estado orixinal. Tamén se substituíu a carpintería de aluminio por unha máis acorde co edificio e coa súa contorna e rehabilitouse a porta principal. Tamén se realizaron traballos de rehabilitación do portal de entrada á parcela e acondicionamento básico da mesma.
Pablo Castillo engade que coas obras revitalizarase e darase continuidade ao legado do filántropo e empresario Agapito Serra Fernández que no ano 1929 mandou construír na súa aldea natal esta escola con capacidade para setenta alumnos e casa habitación correspondente para o mestre. Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.
AGAPITO SERRA FERNÁNDEZ
Asentado en Lisboa montou o restaurante A Estrela de Ouro e creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome acadando un importante éxito empresarial. En 1907 encargoulle ao arquitecto Norte Júnior edificar unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e hoxe constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos. Formado por uns 120 edificios, de dous e tres andares, tiñan acceso directo ao exterior e seguían modelos arquitectónicos de carácter ecléctico. Os edificios destacaban polos paneis de azulexos e os balcóns de ferro forxado.
Foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal, directivo de varias sociedades de socorros mutuos e un dos promotores da creación no ano 1931 do Centro Galego de Lisboa. Serra Fernández en sociedade con outros lisboetas, pasou no seu Cinema Royal o primeiro filme sonoro en Portugal.