Patrimonio e música daranse a man para recibir ao público que ao longo destes seis meses terán o privilexio de vivir a música interpretada por figuras de relevancia internacional na contorna rural e natural do conxunto histórico da Rectoral de Barcia de Mera, en Covelo. A organización adianta que o aforo é limitado sendo preciso reservar no número de teléfono 658 627 525.
Tras ser recibida exitosamente en festivais prestixiosos como o Festival Musika-Música de Bilbao, Festival Internacional de Música Castell de Peralada, Festival Internacional de Música e Danza de Granada, Quincena Musical de San Sebastián ou o Festival Internacional de Piano da Roque d'Antheron, Judith Jáuregui convértese nunha das pianistas españolas con máis proxección da súa xeración.
O programa, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Covelo, desenvolvese dende o 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, conxunto recoñecido o ano pasado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.
O vindeiro concerto será o día 20 con Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, dúas citas encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera co Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a participar neste espéctaculo que sorprende ao público pola fusión entre a beleza da contorna natural, o alto valor do conxunto barroco e a calidade artística das propostas.
Judith Jáuregui
Nada en San Sebastián en 1985, recibe o Título Superior de Piano e o Premio de Honra de Fin de Carrera no conservatorio da súa cidade natal, na cátedra de Cristina Navallas. Máis tarde amplía a súa formación no Conservatorio Superior de Salamanca con Claudio Martínez-Mehner, e no Richard Strauss Konservatorium de Munich, co gran mestre Vadim Suchanov.
Son numerosos os galardóns obtidos, tanto nacionais como internacionais, destacando o VIII Premio Internacional de Piano Frechilla-Zuloaga de Valladolid ou o XXVII Concurso para Mozos Pianistas Ciudad de Albacete, onde recibe ademais o Premio á Mellor Interpretación da Música de Chopin, e o Premio á Mellor Interpretación da Música Española.
Debutou como solista xunto á Orquestra do Conservatorio Superior de Música de San Sebastián, á que seguiron a Nova Orquestra do Estado de Hessen (Alemaña) ou a Orquestra Sinfónica de Castela e León. Así mesmo, gravou para Radio Nacional de España, Radio Televisión Española, Catalunya Musica, France Musique de Radio France, e para as cadeas de televisión serbias Sremska Television e Super Television. Tamén participou na gravación dun CD para o selo Several Records rendendo homenaxe a Albéniz no centenario da súa morte, no ano 2009.