Ars Longa gravou once álbums dedicados á música do período colonial de España en América, con obras dos mestres de capela das catedrais de Cuba, México ou Guatemala, o que lles reportou numerosos premios da crítica en Francia, Estados Unidos de América e España, así como recibir por sete veces o premio Cubadisco, máximo galardón da discografía cubana.
Patrimonio e música daranse a man para recibir ao público que ao longo destes seis meses terán o privilexio de vivir a música interpretada por figuras de relevancia internacional na contorna rural e natural do conxunto histórico da Rectoral de Barcia de Mera, en Covelo. A organización adianta que o aforo é limitado sendo preciso reservar no número de teléfono 658 627 525.
O programa, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Covelo, desenvolvese dende o 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, conxunto recoñecido o ano pasado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.
O vindeiro concerto será o 15 de xuño con Ensemble Orphelion. En xullo, a primeira das citas será o día 6 da man de Judith Jáuregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a participar neste espéctaculo que sorprende ao público pola fusión entre a beleza da contorna natural, o alto valor do conxunto barroco e a calidade artística das propostas.
Ars Longa
Ars Longa foi creado por Teresa Paz e Aland López en 1994 en La Habana, xunto con intérpretes saídos dos conservatorios da capital cubana e do Instituto Superior de Arte, dedicados ao labor de recuperación e estudo do repertorio entre a Idade Media e o Barroco, con especial atención á música do período colonial na América Hispana. Neste eido, Ars Longa abordou a interpretación e gravación de versións historicamente informadas dos compositores americanos, e particularmente, de Esteban Salas, mestre de capela que fora da catedral de Santiago de Cuba entre 1764 e 1803, e que dá nome ao Festival de Música Antiga que se celebra en La Habana, no que Ars Longa é o grupo anfitrión.
Ao longo destas case tres décadas de vida, Ars Longa actuou en relevantes festivais de música nacionais e internacionais de Europa e América, como o Festival Internacional de Música y Danza de Granada (2008 e 2010) ou a 49 Semana de Música Religiosa de Cuenca en España; o Stockolm Early Music Festival (2008) en Suecia; o Festival Rezonancen (2011 e 2013) en Austria; o XVIII Festival Internacional de Música de Morelia (2006) en México ou o Festival de Música Sacra de Quito (2013) en Ecuador.