Present News



O Ciclo de Música de Barcia de Mera sube o pano este sábado ás 20 horas na igrexa de San Martiño
- 24/04/2024 -

A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera acolle o primeiro concerto a cargo de Vox Stellae
A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera prepárase para recibir o primeiro dos concertos da XVI edición do Ciclo de Música Relixiosa. Patrimonio e música daranse a man para recibir ao público que ao longo destes seis meses terán o privilexio de vivir a música interpretada por figuras de relevancia internacional na contorna rural e natural do conxunto histórico da Rectoral de Barcia de Mera, en Covelo.

 

O programa, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Covelo, desenvolverase do 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, conxunto recoñecido o ano pasado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.

 

O primeiro concerto correrá a cargo de Vox Stellae. O 25 de maio será a quenda do grupo Ars Longa, mentres que o 15 de xuño de Ensemble Orphelion. En xullo, a primeira das citas será o día 6 da man de Judith Jáuregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.

 

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a participar neste espéctaculo que sorprende ao público pola fusión entre a beleza da contorna natural, o alto valor do conxunto barroco e a calidade artística das propostas.

 

A organización adianta que o aforo é limitado sendo preciso reservar no número de teléfono 658 627 525

 

Vox Stellae

Vox Stellae nace en 2003 con motivo dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Un dos seus sinais de identidade é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en tempadas de abono e festivais: Vía Stellae, Espazos Sonoros, De lugares e Órganos, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Semana de Música de La Laguna, Outono dos sentidos na Ribeira Sacra, Festival Internacional Provincia de Palencia, Ciclo de Música Sacra de Castilla y León, Jornadas Jacobeas Internacionales, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Camiño de Cantares, Festival Internacional de Música Relixiosa de Guimaraes…

 

Vox Stellae colabora con agrupacións e solistas como a Orquesta de Cámara de Tenerife, Orquestra de Cámara Galega, Finis Terrae Brass, Os Menestreis de 1500, Taller Atlántico Contemporáneo, Cristina Pato, Joaquín Barreira, Manuel Vilas, Beatriz Díaz, Belén Elvira, Juan Antonio Álvarez Parejo, Juan Manuel Varela, Fernando Buíde, Uxía Senlle, Joao Afonso ou o dramaturgo Maximino Queizán.

 

Entre o seu amplo repertorio destacan a estrea absoluta de Tres Imaxes de Compostela (M. Mato), a estrea en España da Misa en Sol a Santiago de Compostela (A. Tucapsky), as reestreas da Misa en Do M (Frei R. Salvado) e a Missa Voce Mea (C. de Medrano) ou a estrea en Galicia de Rothko Chapel (M. Feldman). Dentro do proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editou tres discos, dous deles con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores: Defensor alme Hispaniae (2013), que recibiu o Melómano de Ouro (outubro 2015), Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020). Entre estes traballos de recuperación da música da catedral de Tui tamén editaron o disco Gaude, Maria Virgo (2014) con música destinada a ensalzar a figura Virxe.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade