Actualidade e Noticias



€Covelo parroquia a parroquia€ percorrerá os 154 km2 do concello ao rescate da riqueza toponímica
- 09/03/2022 -

€Covelo parroquia a parroquia€ é un proxecto do Concello de Covelo que pretende poñer en valor a microtoponimia en colaboración coa veciñanza e os colectivos locais
Poñer en valor a microtoponimia do noso concello é o obxectivo do proxecto “Covelo, parroquia a parroquia”. Esta iniciativa, que arrincou o ano pasado coa edición do libro “Barcia de Mera, notas de toponimia, historia e patrimonio”, aterrou en Santa Mariña hai uns meses co apoio do Concello. E aínda que os esforzos non foron visibles ata hai ben pouco, este é un traballo que vén de lonxe e no que a Comunidade de Montes de Santa Mariña, en colaboración co historiador Alberte Reboreda, leva anos profundando.

Catorce parroquias e 154,63km2
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que, este amplo proxecto nace coa vocación de prolongarse no tempo e, ano tras ano, ir afondando na riqueza da toponimia de cada parroquia en colaboración cos distintos colectivos veciñais que queiran recuperar os nomes de barrios e lugares, un dos sinais de identidade máis fondo de Galicia. Na primeira edición foi da man da asociación Terra por Terra e nesta segunda da Comunidade de Montes de Santa Mariña.

“Esta é unha iniciativa ambiciosa e custosa non só polo investimento que debemos facer, tamén pola súa propia intención de rescatar e poñer en valor a variedade toponímica e a riqueza de aspectos sociolingüísticos vencellados á historia e ao patrimonio de cada lugar”.

GPS submétrico en man e moitas ganas de investigar foron os ingredientes para comezar a pescudar. Entrevistas coa veciñanza e consultas ao arquivo histórico provincial e ao catastro rústico de 1952 volven formar parte da metodoloxía de traballo. Pero tamén tiveron que botar man das últimas tecnoloxías que permiten xeorefenciar cada recuncho da parroquia de Santa Mariña.

Nestas semanas a veciñanza da parroquia convivíu cos micros e coas cámaras xa que o proxecto ademais de contemplar a publicación dun libro complétase coa edición de varios vídeos que serán difundidos en diferentes formatos e canles de comunicación.

En paralelo aos concienciudos traballos de investigación a equipa audiovisual dirixida polo xornalista de Barcia de Mera, Suso Iglesias, grava conversas entre a veciñanza e o artista e músico Tonhito de Poi.

Despois destas gravacións, as pezas audiovisuais entran en fase de postproducción mentres os textos e datos da investigación toman forma de libro, un libro que pronto verá a luz e do que nos falarán os autores cando xa poidan desvelar anécdotas do proceso e parte da riqueza que atesoura.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade