O Concelo de Covelo estivo presente no nomeamento de Kathleen Nora March como académica de honra da Real Academia Galega
- 23/09/2023 -
Kathleen March (Estado de Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora
O Concello de Covelo, a través do seu alcalde Pablo Castillo, estivo presente na sesión extraordinaria que celebrou a Corporación da Real Academia Galega co gallo da recepción como académica de honra da Excma. Sra. D.ª Kathleen Nora March que deu lectura ao seu discurso de ingreso.
Kathleen March (Estado de Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor pasado e os proxectos que segue a desenvolver, a Real Academia Galega recibiuna no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron no seu día Rosalía e Manoel Antonio, dous autores que marcaron a súa traxectoria. A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, foi a encargada de darlle resposta en nome da corporación.
A nova académica deu lectura na celebración a un resumo do seu discurso de ingreso, titulado Máis alá do manifesto e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores e autoras galegos de distintos tempos, dende Pondal, Rosalía e Manoel Antonio ata Luz Pozo Garza, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alberto Avendaño, Xohana Torres, Emma Pedreira, Luísa Villalta e Marica Campo. Neste ensaio a catedrática emérita da Universidade de Maine identifica a promoción da tradución como requisito indispensable para espallar as letras galegas no escenario global, pero advirte que isto non debe cinguirse exclusivamente ao libro en papel nin limitar outros camiños. “Os novos formatos non deben darnos medo ou parecernos inferiores”, sentencia no inspirador traballo, no que defende o aproveitamento de “varandas” como os libros electrónicos, os audiolibros ou os códigos QR, todos eles outras formas de traducir -considera- para gañar públicos.
Kathleen March fai un chamado a deixar de pensar a tradución como un proxecto abstracto para pasar a considerala “como oportunidade” e apunta que, igual que é necesario apoiar as persoas que escriben ben en galego, é preciso tamén termar daquelas que traducen e da distribución “sistemática e intelixente” das obras vertidas a outros idiomas. “A complexidade da tradución, que é parte da internacionalización da cultura galega, sairía gañando cunha directiva e entidade que se achegase ao tema da comunicación transmediatizada nos nosos días. Un organismo dedicado ao libro, á internacionalización das publicacións en galego, sería realmente ideal”, abunda con respecto á xestión da estratexia.