O alcalde, Pablo Castillo, sinala a importancia desta actuación de conservación dun dos espazos de máis atractivo do concello que contribúe na dinamización da economía ao atraer visitantes, non só dentro das rutas guiadas programadas polo Concello, tamén persoas que veñen de xeito individual a contemplar este legado da arquitectura industrial de principos do século XX.
Rehabilitado no ano 2005 polo Concello, na actualidade, conta cunha aula da natureza, ubicada no antigo secadoiro, e o serradoiro, adicado hoxe en día a museo etnográfico.
O Serradoiro dos Carranos foi erguido pola familia Vales no ano 1922, sobre os peares dun vello muíño, e a súa principal tarefa foi a fabricación de carros, aínda que o seu obxectivo final era a transformación da madeira. Atópase á beira do río Vixiáns, afluente do río Tea, incluído na “Rede Natura 2000” da Unión Europea.
Este serradoiro ten un interese etnográfico moi importante pois a enerxía que se precisaba para o motor das instalacións industriais é movida pola forza da auga. A estrutura e composición da serra hidráulica é moi probable que fose similar á dos modelos aplicados na Europa do Medievo. O proceso de conversión da enerxía hidráulica en movemento de pezas mecánicas era o mesmo que no dos muíños, pero, neste caso, os rodos e as poleas permiten accionar a serra metálica en vez das pedras molares. Aserrábanse así as diferentes madeiras destinadas unhas a construción, e outras a construción de carros.
Augas arriba construíuse unha presa para embalse da auga e así poder regular o caudal. Dende a poza ata o serradoiro, a auga conducíase por unha levada pasando por unha “noria de canxilóns”, e así facía xirar o rodezo ou rodo que, mediante un sistema de poleas, transmitía a enerxía á serra.
O Conxunto do Serradorio estaba formado orixinalmente por tres edificacións perfectamente diferenciadas, se ben na actualidade son catro: serradoiro, secadoiro ou almacén de madeira, fragua ou forxa e aseos (executados na restauración de 2005). Tamén se aprecia un forno de pedra para alimentar a fragua. Imprescindible para forxar os aros das rodas dos carros e outras pezas que se precisaban para a montaxe dos mesmos.