€Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo€, esta fin de semana na reitoral de Santa Mariña
- 09/02/2022 -
Covelo inaugura esta exposición multidisciplinar con 24 lenzos, 9 fotografías, 3 esculturas, 5 instrumentos e 4 instalacións creativas que o público debe descubrir ao longo da súa visita
O autor, Nathalian Stewart, realizará visitas guiadas tanto para o público xeral como para os centros educativos
O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a participar na inauguración da exposición “Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo” este sábado día 12 ás 11 horas e o domingo 13 no mesmo horario. A cita será na casa reitoral de Santa Mariña, un espazo único no que se fusionan pasado e presente.
O artista, músico, terapeuta e instrutor de Tai Chi-Chi kung, Nathanial Dainty Stewart, expón a súa obra na casa reitoral de Santa Mariña e realizará visitas grupais guiadas ao longo de toda a fin de semana dende as 11 horas ata as 20 horas. Os días inaugurais haberá, ademais, unha actuación tan sorprendente como as obras expostas. A exposición estará aberta ata o 6 de marzo, as persoas interesadas poderán obter máis información e realizar reservas para visitas guiadas no número de teléfono +34 637 390 995.
A concelleira de Cultura, Lourdes Enes, explica que se trata dun conxunto creativo no que poderemos atopar 24 lenzos, 9 fotografías, 3 esculturas, 5 instrumentos e 4 instalacións creativas que o público debe descubrir ao longo da súa visita. Engade, ademais, que os centros educativos interesados poderán programar visitas guiadas polo propio autor.
Arte e filosofía en cada peza
A obra deste multidisciplinar creador é froito da combinación de múltiples artes e da filosofía propia do autor dando lugar a proxectos que expresan unha fusión de elementos en cada peza.
Formado en Arte Contemporáneo pola Universidade de South Hampton, en Londres, ao longo da súa traxectoria Nathanial desenvolveu a súa propia linguaxe para comunicar a súa arte.
“Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo” xorde despois de dous anos de investigación no estudio explorando diferentes disciplinas de arte como pintura abstracta, debuxo conceptual, instalacións, escultura e fotografía.
A elección do espazo no que amosar a súa creación ao mundo non foi aleatoria, en palabras do autor, “a exposición é inclusiva, é parte do pobo, por iso procurei un lugar que promovera o encontro. A reitoral, antiga casa do cura, é unha ponte de encontro entre a veciñanza e as creacións, entre a veciñanza da zona e o resto dos e das visitantes”.
Saír da nosa zona de confort, reurnirnos con seguridade, posicionarnos diante dunha peza e ter cada unha a súa visión, cuestionar a arte contemporánea, discrepar e obter as túas propias conclusións e así facer unha suma de sensacións son algúns dos obxectivos desta variada e diferente exposición. “Trátase de ir máis aló e saír das divisións que nos veñen programadas e das visións que recibimos mastigadas diariamente polos medios de comunicación”.
As pezas de materiais orgánicos relatan a historia do noso tempo e os títulos, frases, parágrafos, liñas e capítulos son ferramentas que convidan a reinventar e xerar outros puntos de vista da historia.
Esta complexa exposición non pretende ser doada, pretende retar ao público e facelo meditar diante de cada creación.
A oferta de tantos temas diferentes e o emprego de tan variados materiais fai que, cando un entra e visita as salas, teña a sensación de estar contemplando a obra de múltiples artistas que comparten as mesmas emocións e sensacións. “Ao final do percorrido pechamos o círculo, o Círculo da Esperanza tal e como indica o título dos cadros abstractos porque sempre ao final volvemos á nosa esencia”, explica Nathanial.
“O traballo multidiscplinar non só é para mín unh xeito de traballo, tamén é unha curación para a alma, a mente o espírito que sempre pode explorar e enriquecerse, unha actitude case relixiosa”.