Present News



Coñece o roteiro guiado da Pedra do Lobo en Covelo
- 21/06/2023 -

O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a coñecer o roteiro da Pedra do Lobo
No marco da programación estable de rutas de sendeirismo guiadas do Concello de Covelo, este sábado día 24 de xuño terá lugar o roteiro da Pedra do Lobo. Esta actividade, que se enmarca no proxecto RíosAldeasMontañas, promove o coñecemento do patrimonio natural entre visitantes, veciñanza e alumnado do CEIP Antonio Blanco.


De 9 km de pecorrido e dificultade doada, o roteiro da Pedra do Lobo ten un trazado circular cunha duración aproximada de tres horas. Esta actividade, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, é de balde e require inscrición previa no número de teléfono 654 500 652. A hora e punto de saída son ás 9 horas en Castro, Covelo.


O guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, explica que o sendeiro pertence a CMVMC de Santiago de Covelo e principia nas abas de Castro para discorrer paralelo ó río Ponte Piñeiros. No seu percorrido podemos coñecer diversos ecosistemas, como o bosque de ribeira, as brañas e turbeiras activas de montaña, as matogueiras, os prados e os pequenos bosques. Ademáis deste variado patrimonio natural, compre admirar muíños, cruceiros, petroglifos e mámoas, así como outras manifestacións da relación do ser humano e a natureza.



De forma pausada comeza no sentido antihorario o roteiro. Na Portagrela topamos unha área de lecer á beira do río. Co muíño do Cubo e os restos dun segundo. Ascendemos cara o pasto aberto para encamiñarmos á Fonte do Bidros, un manancial que brota ao carón do camiño, xusto na confluencia dun regato e da senda de retorno. Seguindo o regato rodéase a turbeira de Chan de Lodoso. O camiño chega a pistas que rematan no piñeiral de Fontefría, onde descansan as mámoas e as lindes municipais. Tras un xiro en Porta do Boi, chegamos a Rañados e á Pedra do Lobo. No descenso cruzamos a ponte do Pereiro que nos leva de volta a Castro. Non sen antes tentar a subida ao Coto Barobe para contemplar as vistas do val do Tea. O roteiro remata na Cruz de Castro e no seu petroglifo, nun balcón privilexiado sobre Covelo.







<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade