Present News



Covelo aposta pola sinalización intelixente da reitoral e da igrexa de Barcia de Mera
- 05/02/2022 -

As novas tecnoloxías favorecen o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais
Nos paneis informativos poderemos descargar unha App con contidos en galego, castelán e inglés
O proxecto completouse coa colocación de iluminación ornamental na fachada da igrexa, na fachada da Reitoral e na contorna; coa instalación dunha nova varanda no acceso ás escaleiras e coa ocultación dos contedores de lixo
O Concello de Covelo executou o proxecto de mellora da contorna da igrexa de San Martiño e da casa reitoral de Barcia de Mera ao abeiro das bases de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia. O Concello investíu un total de 29.908,53€ recibindo o 100% do apoio da Axencia Turismo de Galicia, órgano dependente da Vicepresidencia da Xunta.

 

Con este proxecto o goberno de Covelo centrou os seus esforzos en dotar á zona de servizos inexistentes como o alumeamento; na substitución de materiais danados polo paso do tempo ou inaxeitados estéticamente e na oferta de paneis informativos tecnolóxicamente avanzados.

 

Por un lado, esta iniciativa permitíu a implantación de sinalización intelixente. Duas mesas informativas favorecen o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais a través das novas tecnoloxías. Nestes atrís informativos atopamos unha serie de códigos Bidi ou QR que dan acceso a unha aplicación móbil na que os e as visitantes coñecerán a arquitectura monumental e a súa historia construtiva. A aplicación, vinculada ao Google Maps, é gratuíta para as persoas usuarias e permitirá acceder aos seus contidos en tres idiomas (galego, castelán e inglés).

 

O rico patrimonio arqueolóxico, ambiental, histórico e monumental, a arquitectura civil e relixiosa, xunto a unha contorna de elementos naturais e monumentais salientables constitúe unha base sobre a que o concello pretende posicionarse coma destino turístico de calidade”, explica o alcalde Pablo Castillo.

 

Gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio cultural, todos eles non renovables, e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais endóxenos son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto.

 

Colocación de novo alumamento

Así mesmo, ante a inexistencia de alumamento na zona, o proxecto contemplou a colocación de elementos de iluminación para o que se procedeu á desmontaxe da antiga instalación eléctrica na contorna retirando apliques, focos deteriorados e a canalización soterrada e grapada ao muro; todos eles elementos que non funcionaba. A continuación realizouse a instalación dunha nova liña de baixa tensión e colocáronse sete proxectores LED de exteriores no chan, paredes e teitos que iluminan as fachadas da casa reitoral e da igrexa. Tamén se colocaron tres luminarias LED compactas de exterior que iluminan as escaleiras de acceso á igrexa.

 

O proxecto completouse coa instalación dunha nova varanda no acceso ás escaleiras e coa ocultación dos contedores de lixo cunha pantalla cubre-conteedores de madeira para exterior tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo.

 

A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera acolle cada ano o Ciclo de Música Relixiosa que atrae ao público amante da música culta e achéganos a autores, músicos e grupos do panorama internacional.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade