Actualidade e Noticias



Vintetrés mozas e mozos de Covelo farán uso por vez primeira do seu dereito constitucional ao voto
- 26/05/2023 -

Salientan o vínculo afectivo das eleccións municipais fronte ás autonómicas ou estatais
O Real Decreto-Lei, o 38/1978, de 5 de decembro, modificou a Lei 50 para establecer que "a capacidade plena de voto se adquire coa maioría de idade ao cumprirse os 18 anos”. Un Real-Decreto-Lei que fará que 23 mozas e mozos de Covelo poidan este domingo votar nas súas respectivas mesas electorais. Así, esta mocidade poderá facer uso deste dereito constitucional recollido no capítulo segundo do Título I da Constitución Española de 1978.


En idade de ERASMUS e exames finais non todos poderán render homenaxe ao artigo 23 xa que algúns deles non chegaron a tempo para votar por correo. É o caso de Andrea González da parroquia de Paraños que, nesta ocasión, non poderá participar nos asuntos públicos. Dende Malta anima a súa melliza, Sofía, que si acudirá ás urnas acompañada de seus pais. Ela irá á mesa electoral da Casa Cultural de Paraños, en Moeiros, para votar de xeito presencial tal e como lle víu facer aos seus pais ao longo destes anos cada vez que os acompañou. Está indecisa e consultará na casa para tomar a decisión. Ten 19 anos e estuda un ciclo de Finanzas. Ela ao igual que Saúl Gómez ou Cristian Ferreira e Daniel Eduardo Casal, teñen claro que medrar no rural foi unha fortuna. Tamén opina o mesmo Lorena González que tivo en conta os prazos e votou por correo dende Mallorca.


Pero non todos teñen o seu voto tan claro. Agás Saúl, estudante de Enxeñaría Mecánica, e Lorena que vive os seus primeiros meses de independencia na illa mediterránea, o resto apura os minutos e consultarano na casa ou mesmo coas amizades porque segundo explican elas e eles “votar nas municipais é votar á persoa e como somos unha vila pequena case todas e todos nos coñecemos de sempre e non precisamos moita antelación para reflexionar a decisión”. Pensan que non será o mesmo cando teñan que afrontar unhas eleccións autonómicas ou estatais, “neste caso tería que informarme máis, saber que queren facer, que programa levan e ter en conta outras necesidades e aspectos”, matiza Saúl que xa votou por correo.


No que si coinciden todas e todos é en salientar que son moito máis motivadoras e emocionais as eleccións municipais que as autonómicas ou as estatais. “Votar é moi importante, seremos partícipes da elección da persoa que conducirá a nosa vila”, explican tanto Sofía como Saúl.


Non vivirán un domingo pegados ás últimas novas nin farán un seguimento exhaustivo, atenderán ás súas responsabilidades académicas e aos seus compromisos deportivos e sociais. Vivirán con tranquilidade esta xornada electoral e, iso si, a última hora da tarde consultarán os resultados.


Agás Manuel Novas, do barrio de Medelas que tamén se estreará como votante, estas mozas e mozos non se imaxinan sendo políticos no futuro pero si estar nunha mesa electoral “cumprindo coa obriga que supón ser notificado aínda que supoña certo nerviosismo” tal e como comenta María González que foi seleccionada como primeira suplente da presidencia da mesa electoral do centro urbano. Ela xa puido votar nas autonómicas de 2020 pero este domingo será a súa primeira vez na cita coas municipais. Irá acompañada da súa nai coa que adoita ter conversas arredor de política e tamén da súa irmá Sandra, que aínda que non gusta de participar neses debates, votará por vez primeira na mesa da biblioteca municipal.


O voto aínda está no aire nalgúns destes casos pero o que manifestan ter todos moi claro é o privilexio que supuxo medrar na súa vila, preto dos seus, e adiantan que regresarán cando os seus estudos e traballos llo permitan.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade