A Covelo arribará tamén o CINEMÓBIL Nº3, museo itinerante a partir do que a explicación sobre a vida e a obra de Gil gaña outra dimensión.
Coas actividades que nutren esta xira preténdese amosar aos veciños e veciñas das vilas coas que Gil tivo algunha relación na súa andaina persoal e profesional, a importancia do traballo, o talento e o legado do auténtico precursor do cinema galego, inxustamente esquecido.
Preténdese tamén achegar aos rapaces e rapazas, estudantes de Covelo neste caso, a memoria e o arquivo do cinema máis inicial, aquel que se estaba a crear en Galicia ao tempo que nacía esta arte ao longo de todo o mundo. Para a xeración do audiovisual, os nenos e nenas que nacen e medran rodeados de pantallas e con milleiros de contidos accesibles, está resultando toda unha experiencia asistir aos encontros, proxeccións e coloquios arredor de Gil e o seu tempo.