Present News



Covelo inicia a contratación para a humanización do acceso ao centro de Barcia de Mera
- 18/03/2023 -

O alcalde, Pablo Castillo, adianta que unha plataforma única sen barreiras arquitectónicas dará seguridade e dotará de accesibilidade aos servizos públicos ao longo deste tramo da estrada provincial EP-4305
 Unha plataforma continua sen barreiras arquitectónicas vertebrará o acceso ao centro de Barcia de Mera pola estrada provincial EP-4305. O Concello de Covelo intervirá en arredor de 2,055 m² para mellorar o día a día das persoas que transitan esta zona. Melloras estéticas, de seguridade e, sobre todo, de accesibilidade para que toda a veciñanza goce dos servizos e espazos públicos existentes na contorna dun xeito máis amable e universal. O alcalde, Pablo Castillo, adianta que se inicia o proceso de contratación das obras de “mellora de accesibilidade e humanización dos accesos aos equipamentos de Barcia de Mera” que ascenden a máis de 200.000€ con cargo ao Plan Concellos 22/23.


Na actualidade,a configuración desta área non favorece o seu uso polo mal estado e envellecemento de grandes zonas de pavimento, polas carencias de deseño e ordenación de zonas de uso nos espazos, pola existencia de beirarrúas estreitas e chanzos e cambios de nivel susceptibles de provocar caídas como a propia entrada á casa de cultura. O alcalde, Pablo Castillo, describe así a necesidade de realizar estas melloras e poñer en valor os espazos públicos.


Coa intención de resolver estas necesidades, proponse un deseño de plataforma única, continua e sen barreiras, cun firme que continúa a intervención xa executada na Praza de San Amaro, con zonas diferenciadas de lousa de granito silvestre e pavimentos de formigón de cor ocre que delimitan aquelas zonas de coexistencia necesarias para manter as comunicacións rodadas imprescindibles.


Delimitarase tamén pequenas zonas de aparcamento con prazas específicas para persoas con carné de discapacidade. Na zona da Casa da Cultura execútase un novo acceso dende a rúa principal, mediante unha rampla accesible e a re-configuración dos chanzos existentes de xeito que funcione como un espazo exterior de lecer amueblado e con vexetación. Esta plataforma mixta de pedra e xardín amplía o ámbito da casa da cultura e une visualmente a Casa da Cultura co espazo polideportivo. Desta maneira, téntase unificar o conxunto: a Casa da Cultura, o espazo deportivo e os espazos verdes, formando un conxunto visual homoxéneo. Inclúese na proposta mobiliario e equipamentos compatibles co uso familiar das instalacións deportivas, aportando bancos e mesas para o lecer e comer.


O obxectivo é mellorar a calidade de vida do núcleo, favorecer o uso dos percorridos peonís de acceso aos equipamentos e dotacións públicas, e acadar unha integración paisaxística e medioambiental”, explica Pablo Castillo.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade