Esta iniciativa enmárcase no proxecto "O pasado por vir" desenvolvido polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra baixo a premisa de que a investigación e a divulgación da historia do primeiro terzo do século XX en Galicia ten que servir para construír unha sociedade acorde co país soñado por aquela xeración devastada polo fascismo.
“O pasado por vir” dará a coñecer as iniciativas que se estaban a poñer en marcha desde o eido económico, probabelmente o máis descoñecido, a política, os movementos sociais, a cultura e, por suposto, o ensino, co obxectivo de que a constatación da gran perda que supuxo o cambio de réxime para toda a sociedade sirva como alicerce no intento de recuperar non só a memoria dos nomes, dos rostros e das biografías da xeración esmagada, senón tamén e, sobre todo, dos seus ideais devastados, do país que querían construír e que tamén foi aniquilado.
O albor do século XX foi un tempo esperanzador para Galicia, e Pontevedra rexistrou algúns dos grandes fitos da época, moitos deles cunha fonda relación coa propia Deputación, coma a inauguración do Museo ou o traslado á cidade da Misión Biolóxica. Se non se esnaquizasen as iniciativas empresariais, as políticas transformadoras e os emerxentes movementos sociais e culturais, a situación actual sería ben distinta.
"O pasado por vir" pretende, polo tanto, ser un programa de estudo, divulgación e homenaxe da Pontevedra de principios do século que desbaratou o fascismo, sempre mantendo a perspectiva de xénero e de clase.