Present News



Covelo presenta os traballos de recuperación do antigo reloxo do ano 35
- 21/10/2022 -

O salón de plenos da Casa do Concello acolle mañá sábado a presentación da restauración do reloxo e do libro €Reloxos monumentais, de sol e campás do Concello de Covelo€ de José Higinio Suárez Garra e Estanislado Fernández de la Cigoña Núñez

O Concello do Covelo convida a toda a cidadanía á presentación da restauración do reloxo e do libro “Reloxos monumentais, de sol e campás” de José Higinio Suárez Garra e Estanislado Fernández de la Cigoña Núñez.

 

O acto terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello este sábado día 22 ás 18 horas e nel presentaranse os traballos de recuperación do reloxo mecánico da man do seu restaurador, o experto reloxeiro José Higinio Suárez, máis coñecido como “Secho”.

 

Este reloxo presenta un mecanismo único grazas a súa agulla minuteira saltante. O reloxo está calculado para poder levar ata catro esferas, algo que lle obrigaría a levar unhas pesas descomunais, segundo explica Secho. Para evitar este tremendo esforzo inventouse un sistema que permite que a agulla non pase por todos os eixos facendo que esa agulla minuteira dea dous saltos por cada minuto.

 

Explica o reloxeiro que tivo que reparar e refacer algunhas das pezas facendo un exercizo de extrema precaución e precisión, “a reloxería antiga non se pode case tocar para que non se descompensen os mecanismos”. Engade Secho que él mesmo construíu unha esfera nova, as agullas e o escudo para que comece a funcionar pero que coa simple retirada destas pezas o reloxo quedaría no seu estado orixinario.

 

Na presentación afondarán tamén na historia do reloxo que fora encargado a unha recoñecida marca de reloxería vasca pola comisión “Pro iniciativas para o melloramento do Distrito de Covelo” no ano 1935 presidida por Antonio Conde Fresco, que foi alcalde de Covelo entre os anos 1934e 1936. O reloxo foi sufragado por subscrición popular e doado ao concello pola comisión ao considerar que debía ser colocado na Casa Consistorial ao ser de “grande utilidade pública e de absoluta necesidade e trascendencia na reglamentación de toda a vida campesiña do noso pobo” segundo se pode ler na acta de doazón do 17 de maio de 1935 e que agora poderemos ler no libro que tamén se presenta este sábado.

 

Na publicación recóllense ademais un inventario dos tesouros agochados nos campanarios das igrexas de Covelo ofrecendo un relato sobre as campás máis salientables e os reloxos de sol atopados no concello.

 

O alcalde Pablo Castillo quere agradecer a Luisa Conde Prieto (recentemente finada) e a Rui Ferreira da Silva a súa sensibilidade sendo as persoas que financiaron estes traballos de recuperación, “quero amosar o meu fondo agradecemento a dona Luisa e don Rui por ter financiado estes traballos e posta en funcionamento do reloxo e achegar parte da documentación histórica legada da súa familia para completar o libro que mañá presentaremos”.

 

A veciñanza poderá coñecer o universo que se agocha detrás das esferas e a misteriosa relación entre campás e reloxos este sábado en Covelo e conversar cos investigadores e expertos na materia. 


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade