O convenio asinado entre os concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Melón e Covelo permite unir esforzos para ofrecer novos servizos á veciñanza.
“Conveniar e unir esforzos é o xeito de poder ofrecer novos servizos á veciñanza cando de xeito individual non é viable. O goberon de Covelo seguirá traballando en mellorar o día a día das persoas coa oferta de novos servizos e a mellora dos existentes” explica Pablo Castillo.
Cada mércores en horario de mañá e tarde o servizo de atención temperá atenderá ás familias do noso concello. A xornada de portas abertas deste mércores permitíu coñecer as dinámicas de traballo, a función do servizo e as e os profesionais que os prestarán.
O servizo de atención temperá atenderá ás familias que sexan derivadas por pediatría e permitirá empregar as ferramentas precisas para facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social dos nenos e das nenas con necesidades específicas. A agrupación de concellos prestadora do servizo de atención temperá da rede galega dirixirá o seu traballos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.
Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial (biolóxica, psicolóxica, social e cultural) que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.
O servizo de atención temperá contará cun mínimo de tres integrantes, será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermería, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina.
Entre as súas funcións estarán a diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento, desenvolvemento psicomotor, desenvolvemento cognitivo, desenvolvemento da linguaxe e comunicación, desenvolvemento da autonomíam desenvolvemento da área social e afectiva e apoio, información, habilitación e formación da familia.
Os trastornos no desenvolvemento son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas.