Actualidade e Noticias



Vacacións en paz en Godóns
- 13/09/2022 -

O goberno de Covelo despedíuse do neno saharaui que este verán gozou dunhas vacacións en paz en Godóns
O goberno de Covelo, representado polo alcalde Pablo Castillo e a a concelleira Lourdes Enes, recibíu ao neno saharaui, Sidati, para desexarlle unha feliz volta aos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxeria) logo de gozar do verán na parroquia de Godóns arroupado pola familia de Belén Carballo. Alcalde e concelleira entregaron a Sidati algúns agasallos para simbolizar o vínculo establecido.


A delegada de zona de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Conchi Fernández, quixo acompañar a esta familia galego-saharaui que por vez primeira participaba no programa “Vacacións en Paz”.


Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto , que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).


Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.


Este programa conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia, e o apoio dos concellos, ademais a asistencia sanitaria é posible grazas a un convenio entre SOGAPS e Sergas que se suman aos múltiples convenios que a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui ten con ocultistas, ópticas, dentistas...


O alcalde de Covelo recoñeceu o importante papel que xogan as familias que amosan o seu lado máis solidario proporcionando durante dous meses un fogar a estas nenas e nenos que naceron no exilio no medio dun clima de guerra e que, en Galicia, teñen a oportunidade de coñecer formas distintas de vida.


Conchi Fernández, pola súa parte, suliñou que grazas á implicación das familias reciben asistencia médica e de alimentación, transmitindo tamén valores de tolerancia e sendo un exemplo de convivencia e integración de todas as persoas na comunidade.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade