Patrimonio etnográfico gandeiro da Serra do Suido
O proceso de restauración dos elementos etnográficos
 
Introducción:                                                                                                                                                    
A vella e fortemente erosionada formación granítica da Serra do Suído, caracterizada pola combinación de pendentes abruptas nas súas caeiras con planaltos na liña de cumes, representa o límite meridional da Dorsal Galega, e a fronteira administrativa entre as provincias de Ourense (Concellos de Avión y Beariz) e Pontevedra (Concellos de Covelo, Fornelos de Montes y A Lama). Os valores de conservación deste espazo natural, candidato á inclusión na Lista de Lugares de Importancia Comunitaria da Unión Europea, veñen definidos sobre todo por albergar amplas superficies de ecosistemas seminaturais de matogueira atlántica e turbeiras nas que desenvolven o seu ciclo vital especies animais e vexetais propias de ecosistemas abertos como o lobo (Canis lupus), a gatafornela (Circus pygargus), a aguia albella (Circaetus gallicus), ou os amarelles (Narcissus cyclamineus, N. pseudonarcissus). Igual ou maior importancia que os valores de conservación naturais, ten o rico patrimonio etnográfico gandeiro da serra, que do mesmo xeito que os ecosistemas é o froito da interacción perante séculos entre o home, o seu gando e o medio natural.
 
Figura 1.- Fotografía panorámica do Suído Sur.
        
 Figura 2.- Gatafornela (Circus pygargus).                          Figura 3.- Lobo (Canis lupus).
No ano 2012, o concello de Covelo acadou dentro da convocatoria de subvencións de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para entidades locais de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), a financiación dun proxecto de restauración do patrimonio etnográfico gandeiro na fracción da serra do Suído que se atopa dentro do seu termo municipal. O proxecto contemplaba a posta en valor dos dous elementos patrimoniais mais senlleiros da serra do Suído en Covelo: o conxunto etnográfico do Foxo de Lobo de Campo e o conxunto etnográfico de Bidueiros. As actuacións contempladas no mesmo tiñan como obxectivo fundamental, a restauración das infraestructuras gandeiras tradicionais que compoñen estes conxuntos etnográficos: chozos, currais e un foxo de lobo, dunha forma minimamente intrusiva tentando revertir os principais factores de ameaza sobre estes valores: o abandono do manexo gandeiro e o peche das formacións de mato. Deste xeito, o núcleo mais accesible destes bens no termo municipal de Covelo foi o receptor das accións de valorización despois de décadas de abandono, cunha actuación mínima é necesaria para seu redescubremento e para darlle o valor de testemuña do pasado que en xustiza se merece.
 
A posta en valor do conxunto etnográfico do foxo do lobo de Campo                                                  
O conxunto etnográfico do foxo do lobo ou a “forca do lobo” como o denominan os veciños de Campo, está situado no monte comunal da parroquia do mesmo nome, localizándose na portela divisoria de augas entre as bacías do Tea e Oitavén delimitada polos macizos de Bidueiros e Lombo da Serra na serra do Suído. Este conxunto está composto por:
  • Tres paredes de pedra converxentes (Oeste, Central e Norte) e un pozo de pedra que forman a infraestructura do foxo.
  • Unha choza de pastoreo anexa á parede norte do foxo, usada no pasado como vivenda estacional pola veciñanza de Campo nas tarefas estivais de coidado do gando.
  • Unha parede sur formada por laxes de pedra, que aproveitando as paredes central e norte do foxo delimitaban un curral gandeiro.
  • Un túmulo megalítico, situado perto da choza e atravesado pola parede norte do foxo.
 
Figura 4.- Foto Xeral do conxunto etnográfico do Foxo do Lobo de Campo
 
Os traballos de restauración e posta en valor deste conxunto etnográfico consistiron en:
  • A roza manual da contorna e das superficies delimitadas polas sebes, foxo, choza e curral como labor previa de redescubremento e valoración do estado de conservación destas construcións.
  • A excavación mediante ferramentas manuais das terras depositadas nas bases dos muros, conducente á recuperación das lousas e cachotería dos muros derrubadas e cubertas por arrastres.
  • A reconstrución das paredes pétreas do foxo mediante o nivelado das grandes laxes que constitúen a matriz destes muros, e a colocación de lousas en mampostería seca.
  • A reconstrución do muro frontal do curral, mediante o fincado de laxes na maior parte da súa lonxitude.
  • A mellora no desaugue dos cursos de auga que drenan a superficie interior do foxo, responsables dos maiores derrubamentos de muros.
  • O baleirado manual de pedras e arrastres de terras, do pozo do foxo.
  • A reconstrución en mampostería seca da parte norte do pozo derrubada, e o coroamento do pozo con laxes.
  • A reposición dunha laxe partida na cuberta en cúpula da choza, o nivelado das laxes restantes e dinteis da porta, xunto co recebado en cachotería seca das paredes do chozo para finalizar coa cubrición con tepes de herba da cuberta da choza.



Figura 5.-Fotografías do proceso de restauración
 
Os traballos de restauración, na súa fase de roza e excavación dos acúmulos de terra e pedras nas que se tiñan convertido boa parte dos muros, descubriron que en realidade as tres sebes de pedra formaban un foxo de dobre converxencia nun único pozo. Na primeira referencia escrita deste elemento, recollida na “Ejecutoria del pleito litigado por el concejo y vecinos de la feligresía de San Martín de Barciademera en la Real Chancillería de Valladolid” do ano 1653, recóllese un litixio veciñal pola posesión e uso de terreos de pasto no Suído, entre a parroquia de Barcia de Mera e as que constituían por aquel entonces o Val do Tielas, Campo e Fofe. No prego noveno fálanos da posesión, uso, mantemento e xestión compartida polas tres ferigresías dun “foso” para a realización de “monterías y correrías de venados y otras fieras”, explicando deste xeito a utilidade do foxo dobre que daba servizo ás superficies de monte a bater polas tres entidades parroquiais.
“e porque sus partes y sus antecesores como parcioneros en los montes y pastos sobre que era el pleito, desde tiempo inmemorial a esta parte habían entrado y entraban con los vecinos del Valle de Tielas, habiendo con ellos juntamente los monteros y correrías de venados y otras fieras, teniendo entre todas un foso para matarlas, reparándolo por cuenta de uno y otros vecinos y repartiendo entre todos como parcioneros, poniendo y diputando unas veces personas a modo de jueces de la feligresía de sus partes para regir y guardar dichas monterías y otras veces de dicho Valle de Tielas en vista y consentimiento unos de otros”
 
6.- Prego noveno e a súa transcripción da “Ejecutoria del pleito litigado por el concejo y vecinos de la feligresía de San Martín de Barciademera en la Real Chancillería de Valladolid. 1653. Archivo de la Real Chancillería de Valladolid.” (Fonte: Ángel Joaquín González Outerelo; Javier Palleiro Busto. Arquivo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Barcia de Mera)
 
Tamén teñen contribuído, os traballos de restauración a explicar a menor altura e entidade do muro do curral e da parede norte do foxo segundo nos achegamos ó chozo de Campo. A explicación a este feito, é que probablemente o chozo e o curral foron construídos con posterioridade ó foxo, fornecendo a parede norte, a pedra para a construción destes dous elementos. Evidencia así este conxunto etnográfico, unha evolución continua dos usos no tempo dende o seu primixenio uso cinexético, pasando pola reconversión a curral gandeiro e mesmo en tempos recentes como manga de manexo gandeiro que determinaron a súa morfoloxía e estado de conservación, ata a execución do proxecto de restauración.
 
Conxunto etnográfico de Bidueiros                                                                                                             
 
Na caeira leste do Coto de Bidueiros, aséntase o conxunto etnográfico de Bidueiros formado polas chozas, currais e sesteiros destinados á explotación gandeira dos pastos deste macizo, denominados no seu conxunto “Campos de Barcia de Mera”. Adscribíase deste xeito a titularidade e uso destas chozas ós distintos lugares da parroquia de Barcia de Mera. O proxecto ten restaurado parcialmente tanto a superficie destes pasteiros de verán, como 5 dos elementos etnográficos enclavados nos mesmos e que son: as chozas de San Amaro, Peneda, Vilanova e Mera e o curral da Peneda. Os traballos de posta en valor destas construccións gandeiras abrangueron:
  • A reapertura parcial dos pasteiros mediante a roza manual en dúas hectáreas de superficie da matogueira de toxo (Ulex europaeus) e fento (Pteridium aquilinum) que invadían a superficie dos antigos terreos de pasto.
  • A corta dos exemplares de piorno (Genista florida) situados sobre as chozas, e que afectaban ás estructuras e visibilidade dos mesmos.
  • A consolidación do conxunto das chozas, e do curral de A Peneda mediante unha intervención mínima que consistiu na recolocación de pedras perigosas e limpeza do interior. Os traballos de consolidación, acadaron maior entidade, nas chozas de Vilanova e San Amaro, coas cubertas gravemente deterioradas pola ruptura e caída das grandes laxes, que foron restituídas o seu estado orixinal.
  • A reposición da cuberta vexetal herbácea en forma de tepes nas chozas de Peneda e Vilanova.
  • A reintroducción do bidueiro (Betula alba), especie arbórea que deu lugar ó topónimo deste macizo montañoso e practicamente desaparecida. Nesta parte do proxecto, plantouse de xeito manual un rodal de arborado composto por 100 bidueiros, 100 rebolos (Quercus pyrenaica) e 50 acivros (Ilex aquifolium). Para a súa protección nos estadíos iniciais de crecemento das arboriñas, construíuse un peche de exclusión do gando cos restos vexetais procedentes da corta de piornos, entrelazados coas árbores e arbustos que delimitan a ubicación deste bosque incipiente á beira do rego de Piñeiro.
Figura 8.- Fotografía Choza da Peneda. Figura 7.- Fotografía do Macizo de Bidueiros.
Figura 9.- Fotografía Choza de Mera. Figura 10.- Floración de (Narcissus pseudonarcissus) en Bidueiros.
 
O Patrimonio etnográfico gandeiro da serra do Suído en Covelo.                                                      
A paisaxe agrícola dominou durante os séculos pasados a meirande parte da superficie dos vales fluvais na bacía do Tea, ocupando os terreos de cultivo as terras máis fértiles en sustitución dos antigos amieirais e carballeiras. Os nosos antergos, labregos e gandeiros a partes iguais, precisaron domesticar e adaptar ás súas necesidades o medio natural e paisaxe da serra, para que durante o final da primavera e no verán o gando pacera no pasto tenro das brañas e praderías do monte ó tempo que as terras baixas ficaban intensamente traballadas. Froito deste secular manexo agrogandeiro, é a escolma de bens e elementos etnográficos que presentamos a continuación, resposta da dependencia de gandeiros, gando e cultivos dos recursos naturais da Serra do Suído.
 
Camiño da Brea.
 
Coordenadas WGS84: X: 549989 Y:4683824 
 
Descrición: Camiño relacionado coa gandeiría estacional na serra do Suído, e coa comunicación da parroquia de Barcia de Mera co Mosteiro de Melón e que constituíu perante séculos a ruta de paso entre o val do Tea e as serras do Suído e Faro de Avión. Da infraestructura orixinal que subía dende o val do Alén ate o macizo de Bidueiros pasaba á Graña para cruzar o río Tea e ascender a serra do Faro en dirección a Melón, e que contaba con ramais que baixaban ás parroquias de Campo e Fofe, quedan pequenos tramos de camiño enlousado tras décadas de abandono, construcción de pistas, arrastres de terras e reforestacións. Os tramos en mellor estado de conservación, atópanse subindo á Careixa, á dereita do rego Porta Marco.
 
Acceso: Dende a C-531 Cañiza-Pontecaldelas pasada a manga de saneamento gandeiro e poza de incendios de Barcia de Mera, cóllese á dereita o único camiño que sube ó Suído en paralelo ó rego de Porta Marco, e que forma parte do trazado orixinal deste camiño tradicional.
 
Figura 11.- Tramo do camiño da Brea.
Choza de Penizas
 
Coordenadas UTM WGS84: X: 549700 Y:4682505
 
Descrición: Choza de pequenas dimensións localizada no Couto de Penizas. Construída en mampostería de granito e laxes grandes de pedra que conforman o teito mediante a técnica de aproximación de fiadas ata formar unha falsa bóveda de lousas de pedra. A porta adintelada ten no seu lado dereito unha rocha a modo de tranqueiro, e o chan é de terra. A pesares da técnica de construción e do seu aspecto primitivo, semella ter sido segundo se recolle de distintas comunicacións orais unha das últimas chozas construídas no Suído, concretamente despois da Guerra Civil dando servizo ó barrio dos Oleiros da parroquia de Barcia de Mera.
 
Acceso: Dende a C-531 Cañiza-Pontecaldelas, pasada a manga de saneamento gandeiro e poza de incendios de Barcia de Mera, cóllese á esquerda as pistas forestais que entran na parte superior do piñeiral de repoboación para subir ó Couto de Penizas.
 
Figura 12.- Fotografía da choza da Penizas.
 
Choza e Sesteiro de Penouzos:
 
Coordenadas UTM WGS84: X:550461 Y:4683852 
 
Descrición: Choza situada no coto de Penouzos, a carón dos antigos pastizais da Chan da Muller. A estructura que é de planta rectangular, aproveita un gran penedo para conformar parte da súa parede norte. Na actualidade o teito está derrubado, polo que non se apreza a distribución interior se ben o chan semella ser de terra. Porta e bufarda atópanse nun dos laterais menores do rectángulo da estrutura. Segundo a tradición oral, é unha das chozas construídas máis recentemente e tamén pertenceu ó lugar dos Oleiros de Barcia de Mera, sendo o parecer derrubada na Guerra Civil e volta a reconstruir, tal e como recollen dúas inscripcións a carón da porta: 7-6-33 e 7-6-38. No coto situado ó sur da choza de Penouzos, atópase o sesteiro do mesmo nome. Esta construción está formada por dous muros executados mediante superposición de fiadas de granito que delimitan un afloramento rochoso natural. O sesteiro proporcionaba ó gando, unha zona de descanso e protección dos insectos nas horas centrais do dia aproveitando a súa ubicación nunha zona exposta e ventada.
 
Acceso: Dende a C-531 Cañiza-Pontecaldelas accédese a este chozo e o de Carballa de Nabal, seguindo o trazado do antigo camiño da Brea. Dende este camiño, débese buscar ó sur os pasteiros de Chan da Muller e o Couto de Penouzos para chegar as chozas.
 
     

Figura 13.- Fotografía da choza e sesteiro de Penouzos.
Choza de Carballa de Nabal.
 
Coordenadas UTM WGS84: X:550640 Y:4684563
 
Descrición: A choza de Carballa de Nabal, atópase a 1 km. ó norte da choza de Penouzos na caeira da Chan da Muller que drena ó rego de Portamarco. Esta choza se ben conta cunha moderna planta rectangular caracterízase pola súa cuberta en falsa cúpula elaborada por aproximación de laxes de granito, asentada sobre unha estrutura executada en mampostería seca aproveitando un penedo na súa parede norte que serve de muro. A porta formada polo dintel, dúas agullas e dous tranqueiros presenta un arame nun dos tranqueiros basais. A bufarda, atópase na parte posterior da choza enfrontada á porta. O interior conta cun enlousado para facer lume e un van cego no muro que serviría como despensa ou alacena. Esta choza tamén estaba ó servizo do lugar dos Oleiros da parroquia de Barcia de Mera.
 
Acceso: Dende a C-531 Cañiza-Pontecaldelas accédese a este chozo e o de Penouzos, seguindo o trazado do antigo camiño da Brea. Dende este camiño, débese buscar ó sur os pasteiros de Chan da Muller e o Couto de Penouzos para chegar as chozas.
 

Figura 14.- Fotografía da choza de Carballa de Nabal.
 
Pozo de Piñeiro
 
Coordenadas UTM WGS84: X:552216 Y:4684166
 
Descrición: O pozo de Piñeiro, é unha construción en sillería de granito que represa as augas do río Piñeiro ou Caraño nunha superficie superior ás 2,5 Ha na valgada inferior ás Lobagueiras. A estrutura granítica orixinal do azud da presa, foi reforzada posteriormente con formigón, nun deseño de aliviadoiros que deixan fluir os excedentes de auga encorada. Ó fin orixinal desta construción que foi o de asegurar o suministro hídrico de auga de rega ós campos de cultivo da parroquia de Piñeiro nos meses de verán, únese na actualidade o seu elevado interese etnográfico e paisaxístico.
 
Acceso: O acceso máis curto, parte da pista forestal que á beira da C-531 e fronte o cemiterio parroquial de Piñeiro leva directamente ó Suído, máis concretamente á poza de Piñeiro logo dun percorrido de 3,5 km. Conta cun cartel sinalizador no inicio da ruta.
 

Figura 15.- Fotografía do Pozo de Piñeiro e detalle da presa.
 
Choza de Chambeiro.
 
Coordenadas UTM WGS84: X: 551293 Y: 4684105
 
Descrición: A tradición oral recolle para a choza de Chambeiro, as denominacións “Choza de Areas” por pertencer ó barrio de Piñeiro de Areas da parroquia de Piñeiro, e o de “Choza de San Breixo”. Trátase dunha das construcións máis recentes, e de factura máis elaborada, presentado planta rectangular, dúas estancias interiores e teito a dúas augas elaborado mediante a superposición de grandes laxes planas de granito. Esta choza, conserva a cuberta herbácea de tepes no teito e un xeito de solaina de entrada realizada con pedras fincadas que impedían o acceso do gando o seu interior. No lateral áchase unha inscrición, “AÑO Đ 1924” que nos achega información do ano da súa construción. Asociados á choza, atópanse un conxunto de elementos que constitúen unha pequena mostra do patrimonio etnográfico gandeiro do Suído, entre os que se encontran: unha cruz de pedra latina fincada no penedo lindante coa choza, un curral realizado en mampostería de pedra, unha pontella e un número por determinar de parideiras que tiñan como fin a protección dos becerros novos.
 
Acceso: Dende a pista forestal que sae ó norte do barrio de Piñeiro de Areas e que se adentra perto de 3 km. na serra, para chegar a Chambeiro.
 
Figura 16.- Fotografía da choza de Chambeiro e detalle da inscrición.
 
Conxunto Etnográfico do Foxo de Lobo de Campo.
 
Coordenadas UTM WGS84: X: 553008 Y: 4685903
 
Descrición: Este conxunto etnográfico que xira en torno a un elemento central que é a “forca do lobo” como é coñecido o foxo polos veciños de Campo, está situado na portela que actúa como divisoria de augas entre as bacías do Tea e o Oitavén, na converxencia dos macizos de Espincelo e Suarquiña-Lombo da Serra. Nunha superficie de terreo inferior á hectárea, este conxunto abrangue os seguintes elementos etnográficos e arqueolóxicos:
  • Foxo: Formado por tres paredes converxentes, unha Oeste de 100 m. de lonxitude, outra Central de 60 m. e outra Norte de 125 m. construídas cunha matriz de grandes laxes graníticas sobre as que se asenta mampostería de granito asentada a oso. As tres paredes, converxen en dous pasillos finais pétreos de 60 cm. de anchura que desembocan nun único pozo de 5 m. diámetro e un máximo de 2,5 m.de altura levantado en mampostería de granito. Dúas pedras da parede norte, xa perto do pozo, amosan marcas de canteiro en forma de cruces gravadas.
  • Choza de Campo: Tamén coñecida como choza da Barcia por pertencer a este lugar da parroquia de Campo, enclávase na esquina leste do foxo esta choza de pastoreo construída en cachotes e laxes de granito asentados en seco rematada por teito en falsa cúpula. A choza ten dúas estancias, fogar e habitación, e presenta o chan en terra.
  • Curral: O espazo delimitado pola sebe Norte do foxo, foi aproveitado para pechar unha superficie de 3.500 m2 mediante a construción dun muro de 90 m. de lonxitude, que alterna laxes fincadas con muros de cahotería nas zonas de penedía. Pechábase así, o espazo lindante coa choza para o resgardo do gando durante a noite. Este muro dunha altura media modesta (0,5 m.) era reforzado cada tempada gandeira cun entramado de paus e restos de mato que aseguraban a protección nocturna do gando.
  • Mámoa: Atravesada pola parede Norte do foxo e perto da Choza de Campo, atópase esta mámoa que se ben presenta partes da coraza pétrea, ten sido profundamente modificada e espoliada como o demostra o cono de violación na parte central do túmulo.
 
Acceso: O acceso tradicional a esta choza seguía o decurso do Camiño dos Campos de Barcia de Mera dende a parte baixa da parroquia de Campo. Na actualidade accédese dende a estrada PO-9303 pasado o núcleo de Campo tomando a man esquerda a pista forestal que conduce á manga de saneamento gandeiro da parroquia. Despois de ascender o longo de 5 km. por esta pista, que solapa parte do seu percorrido co antigo camiño subindo pola e serra deixando ás costas o val do Tea, chégase ás campas nas que se asentan choza, foxo e curral. Outra opción consiste en acceder a esta pista vella, dende os novos accesos do Parque Eólico Bidueiros dende o núcleo da Graña. Pasada a igrexa parroquial, cóllese á esquerda a pista asfaltada que sube ó Suído. A 2 km. de percorrido desta pista parte o vial do P.E. de Bidueiros que se interna na fracción meridional do Suído cruzando o macizo do Suarquiña ata rematar no Lombo da Serra, baixo o cal se atopan o conxunto etnográfico e a pista vella. Conta con carteis sinalizadores en ambos accesos.
 
Figura 17.- Fotografía do foxo do lobo e choza de Campo.
Sesteiro e Abrigo de Pastores de Lombo da Serra.
 
Coordenadas UTM WGS84: X:553133 Y:4686197
 
Descrición: Ligado ós elementos etnográficos gandeiros do veciño Foxo de Campo, o sesteiro e abrigo que se atopan no cordal de Lombo da Serra provían de refuxio a pastores e gando nas horas centrais do día nunha situación de maior altitude e exposición ás correntes de vento que o chozo e curral da portela. O sesteiro construíuse nun afloramento granítico, mediante o levantamento de muros con lousas graníticas fincadas de xeito oblicuo e asentadas a oso. Anexo a este aparece o abrigo para os gandeiros, efectuado con dous alicerces de rocha fincados no chan que soportan un teito plano composto por dúas lousas de granito de dimensións considerables.
 
Acceso: Dende o núcleo da parroquia de A Graña cóllese a estrada que leva ó interior da serra unha vez pasada a igrexa parroquial. Nesta pista asfaltada tómase o desvío polo vial do P.E. de Bidueiros subindo ata o cumio de Lombo da Serra onde se atopan sesteiro e abrigo. Conta cun cartel de sinalización no inicio da pista do parque.
 
Figura 18.- Fotografía do abrigo e sesteiro de Lombo da Serra.
 
Choza de Fofe.
 
Coordenadas UTM WGS84: X:552885 Y:4683400
 
Descrición: Choza emprazada na caeira que baixa ás brañas e pasteiros de Real Cobo no monte comunal da parroquia de Fofe, á que daba servizo.A estrutura ten planta rectangular que delimita unha única estancia, levantándose en cachotería de granito cuberto o seu conxunto cun teito formado por grandes lousas colocadas de xeito lonxitudinal ó van de acceso. Esta construcción semella ter perdido, o seu frontal coa parede, dinteis e tranqueiros que delimitaban a porta de entrada.
Acceso: A nova pista do P.E. de Bidueiros, con entrada na parroquia de A Graña remata despois de subir e baixar ó Lombo da Serra na Chan do Libro. Dende o final desta, tómase a vella pista forestal ata chegar logo de 1,5 km. ós pasteiros de Real Cobo-As Lobagueiras nos que se asenta a choza de Fofe.
 

Figura 19.- Fotografía da choza de Fofe
 
Choza de Cascardoso.
 
Coordenadas UTM WGS84: X:553032 Y:4684181 ll>
 
Descrición: Choza empregada nas tarefas da rolda gandeira polos veciños do lugar de Cascardoso pertencente á parroquia de Campo, e que está situada na ladeira situada sobre as brañas e pasteiros da Chan de Aciveiro. Construída en mampostería seca aproveitando un penedo na súa parede posterior, presenta o teito en falsa cúpula construída por aproximación de laxes de granito que aínda conserva a cuberta vexetal herbácea. A choza ten anexo o peche dun curral construído en base a laxes fincadas e cachotería de granito, así como os restos de varias parideiras para o coidado dos becerros novos.
 
Acceso: Dende o final da pista nova do P.E. de Bidueiros na Chan do Libro, débese camiñar perto de 0,5 km. en dirección oeste baixando a caeira que conduce a Chan de Aciveiro, e na que se asenta esta choza.
 

Figura 20.- Fotografía da choza de Cascardoso
 
Coordenadas UTM WGS84: X:552216 Y:4684166
 
Descrición: Choza situada sobre a cola da poza de Piñeiro na caeira suroeste do Coto Espincelo. Esta construción adscrita no seu uso ó barrio de Piñeiro da Igrexa da parroquia de Piñeiro, amosa ás características máis primitivas destes elementos etnográficos, cunha cúpula falsa executada mediante a superposición de laxes graníticas asentada sobre muros de mampostería asentada a oso. Atópase totalmente mimetizada pola cuberta herbácea do teito e pola vexetación arbustiva.
 
Acceso: Esta choza xunto coas de Fofe e Cascardoso teñen o seu mellor acceso dende a pista que chega ata a Chan do Libro. Dende o final desta, tómase a vella pista forestal orixinaria ata chegar logo de 1,5 km. ós pasteiros de Real Cobo-As Lobagueiras nos que se asenta a choza de Fofe. Dende o Real Cobo chégase á choza de Piñeiro, percorrendo perto de 1 km. en dirección Noroeste ata estar situados sobre o rego de Piñeiro.
 

Figura 21.- Fotografía da choza de Piñeiro
 
Conxunto Etnográfico de Bidueiros.
 
Coordenadas UTM WGS84: X:552010 Y:4685549
 
Descrición: O aproveitamento dos pastos estivais nas chans e ladeiras do Coto de Bidueiros, sumado á división das tarefas de coidado do gando entre os distintos lugares da parroquia de Barcia de Mera, deu lugar a unha concentración de elementos etnográficos gandeiros esparexidos por toda a superficie deste macizo montañoso enclavado na porción suroccidental do Suído. Os elementos máis sobranceiros deste conxunto etnográfico son os seguintes:
  • Choza de San Amaro: Choza situada na entrada norte de Bidueiros, e asentada nunha ladeira sobre a que se vixiaba o conxunto das praderías. Para a súa construción aproveitouse un afloramento rochoso situado nunha zona de ladeira, facendo difícil a localización do chozo. A súa tipoloxía e dimensións modestas, clasifícano como unha das chozas de pastoreo mais primitivas. Presenta un teito en bóveda plana formado por lousas de granito dispostas de xeito lonxitudinal á porta, servindo este tellado como atalaia de vixiancia. A porta adintelada, conserva unha soleira de protección que podería ter feito as funcións de fogar.
  • Figura 22.- Fotografía da choza de San Amaro
  • Choza, curral e parideiras da Peneda: Choza de construción recente e factura elaborada como demostra a súa planta rectangular e tellado a dúas augas. O teito está construído con grandes lousas graníticas planas aproximadas en fiadas e rematadas con laxes no cumio. O interior consta de dúas estancias unha con lareira e outra adicada a habitación, ambas co chan de pedra. A porta de entrada, está protexida por unha solaina de entrada realizada con pedras fincadas que impedían o acceso do gando o seu interior. Supón esta choza a servizo dos veciños da Peneda, o elemento central de referencia do conxunto etnográfico, polo seu emprazamento, dimensións e visibilidade. Asociada a esta choza, aínda que probablemente dera servizo a outras, atópase un curral realizado en mampostería seca e que dispón dunha porta formada por soleira e dúas xambas que amosan marcas de peche. A carón do curral, restan ocultas entre o piornal, múltiples parideiras para resgardo dos becerros.
    Figura 23.- Fotografía da choza e curral da Peneda
  • Choza de Mera: Choza do barrio de Mera situada no actual límite oeste dos prados de Bidueiros. Amosa planta rectangular realizada en mampostería de pedra, e o teito en falsa cúpula realizado por aproximación de fiadas. A porta presenta soleira de protección fronte a entrada do gando, que tamén se utilizaba como fogar.
    Figura 24.- Fotografía da choza de Mera
  • Choza de Vilanova: A choza de Vilanova, levantada polos veciños dese lugar da parroquia de Barcia de Mera, atópase na beira leste das praderías de Bidueiros a uns 70 m. do rego de Piñeiro. Executada en mampostería e cachotería seca, é de factura moderna con planta rectangular e tellado a dúas augas que cubre dúas estancias distintas: antecámara ou fogar, e cámara ou habitación ámbalas dúas co chan de pedra. O teito está formado por grandes lousas graníticas planas dispostas de xeito lonxitudinal ó eixo da choza e aproximadas en fiadas. No exterior da estrutura, hai unha solaina e laxes fincadas para impedir a entrada do gando á choza.
    Figura 25.- Fotografía da choza de Vilanova
  • Sesteiro de Bidueiros:No cumio do Coto de Bidueiros áchase este peche de planta circular que delimita e aproveita as penedías do coto como recinto no que se limitan os movementos do gando nas horas centrais do día. Asociado ás chozas situadas ladeira abaixo, este elemento conserva parte dos valos executados en cachotería seca, se ben dunha altura modesta (60-70 cm.) e con derrubamentos no sector sur.
    Figura 26.- Fotografía do sesteiro de Bidueiros
  • Currais do Corno e de Bidoas: Situados ó oeste das praderías e elementos principais do conxunto etnográfico, aparecen estes dous peches gandeiros executados en pedra aproveitando os afloramentos graníticos para restrinxir os movementos do gando. O Curral do Corno amosa unhas dimensións modestas dos valos que están confeccionados en cachotería e lousas pequenas de granito, namentres o Curral de Bidoas caracterízase pola boa factura e grandes dimensións dos perpiaños utilizados na construción dos muros.
    Acceso: Dende o Conxunto Etnográfico do Foxo de Lobo de Campo sóbese a pista da canteira abandonada ata chegar ós planaltos da vertente norte do Coto Espincelo. Cruzando estas chans en dirección oeste, divísanse os pasteiros do Coto Bidueiros, ó que se chega seguindo un sendeiro marcado polo paso dos vehículos de traballos forestais.
  •  

    Figura 27.- Fotografía do curral de Bidoas

     


     
Proxectos de recuperación do patrimonio natural e cultural en Covelo. web

FONTES
  • Anónimo. O Foxo do Lobo de Portela das Travesas. Arquivo pdf.
  • Alvares, F., Alonso, P., Sierra, P., Petrucci-Fonseca, F. (2000). Os fojos dos Lobos na Península Ibérica. Sua inventariaçao, caracterizaçao e conservaçao. Galemys, 12 (número especial): 57-77.
  • Ballesteros Arias, Paula. A paisaxe gandeira na serra do Suído. A construción social do espazo a través da memoria. El Mus. de Pont., 62: 109-143.2008
  • Bejarano Galdino, Emilio. Los chozos: Una arquitectura peculiar del Suído. Vol. 48 dos cadernos do Seminario de Sargadelos. 1986.
  • Fernández de la Cigoña Nuñez, Estanislao. As Construccións Primitivas dos Pastores Galegos. Chozos das Serras do Suído, Montemaior e Faro de Avión. Colección Etnografía Galega Vol. XII. Ed. AGCE. 2004
  • González Outerelo, Ángel Joaquín. Arquivo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Barcia de Mera.
  • Pino Domínguez, Rocío; Lamosa Costa, Susana. II Inventario do Patrimonio Arquitectónico, Etnográfico e Arqueolóxico do Concello de Covelo. Inédito. Ano 2009.
 
     
 


 
 
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade