|
O hábitat é o espazo físico e as condicións medioambientais asociadas en que se desenvolve un ser vivo. En Covelo existen diferentes tipos de hábitats porque, como xa vimos, tamén hai distintos tipos de medios físicos: serra, val, río, agro...
Os principais tipos de hábitats pertencen ao dominio atlántico da rexión bioxeográfica Eurosiberiana, é dicir, de medios máis frescos e húmidos (carballo, bidueira, amieiros, acivro…); aínda que existe algún representante da rexión bioxeográfica Mediterránea, que sería de medios máis cálidos e secos (sobreira, érbedo, carpazas).
A grandes rasgos, pódese dicir que as máis amplas formacións vexetais estarían formadas polo bosque, o mato e o agro.
Bosques: Carballeira (Quercus robur), Bidueiral, (Betula alba), Bosque de ribeira (Alnus glutinosa emais), Sobreiral (Quercus suber).
O mato:
• Toxeira (Ulex spp.), Uceira (Erica spp.) Xesteira (Cytisus spp.).
O agro (principais cultivos):
• Os relacionados coa colleita do gran para fariña: centeo,millo, trigo e miúdo.
• Os prados de cultivo de distintas especies herbáceas para a alimentación do gando.
• A horta familiar: col, repolo, verza, faba, cebola, leituga, ervella, cabazas, tomates, pataca, feixón, etc.
• O pomar: maceiras, pereiras, ameixeiras, pexegueiros, cerdeiras...
Por entre os hábitats viven e móvense diversas especies animais, algunhas de grande relevancia ecolóxica, como é o caso do teixugo, certos anfibios endémicos, aves rapaces varias e o propio lobo. |