Actualidade e Noticias



Un numeroso público arropou a presentación do libro 'Santa Mariña. Notas de toponimia, historia e patrimonio'
- 17/05/2022 -

A reitoral de Santa Mariña acolleu a presentación do segundo volume da colección 'Covelo, parroquia a parroquia'
O salón de actos da reitoral de Santa Mariña colgou o carter de cheo este sábado 14 de maio na presentación do libro “Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e patrimonio”. O investigador e historiador Alberte Reboreda, acompañado do alcalde Pablo Castillo e do presidente da Comunidade de Montes en Man Común, presentou o seu libro que contou co apoio do Concello e da Deputación de Pontevedra.

Como o seu título indica este libro achéganos á historia, á toponimia dos lugares habitados e ao patrimonio máis salientable da parroquia. Un ano de investigacións, de entrevistas, de recollida de documentación, de traballo de campo na procura das persoas que máis e mellor coñecen a súa terra pero tamén un ano de traballo de gabinete con visitas ao arquivo histórico de Pontevedra e ao arquivo Reino de Galicia na Coruña, entre outras consultas como as realizadas nas hemerotecas de publicacións dende o século XIX ata hoxe.

Coa lectura do libro descubriremos que Baldomar ven de Baldemarus, un rico terratenente, quen deu o seu nome ao lugar. Así pois, o noso Baldomar ven dun antropónimo xermánico de orixe medieval.

Tamén atoparemos a orixe da etimoloxía dos lugares habitados, segredos agochados na historia dos seus camiños, persoeiros e apelidos e lugares únicos en Galicia. O alcalde Pablo Castillo convida á cidadanía a esta presentación e salienta a importancia de recuperar o noso patrimonio deixándoo como legado ás vindeiras xeracións.


Este libro forma parte da colección “Parroquia a Parroquia”, iniciativa do Concello que víu a luz cun primeiro volume adicado á parroquia de Barcia de Mera.

A presentación completouse coa música de Breocáns e coa proxección dun vídeo documental sobre a parroquia conducido polo artista Tonhito de Poi e realizado polo xornalista e director audiovisual Suso Iglesias.

O presidente da Comunidade de Montes, José Manuel Castillo, explica que “o libro é resultado do traballo de moitos veciños e veciñas comuneiras ao longo dun par de anos nos que nos facilitaron os seus coñecementos e tamén documentos gráficos para conseguir facelo, xunto coa axuda económica do Concello e a Deputación”.


Aqueles que queiran afondar máis poden consultar Toponimia de Galicia, organismo dependente da Real Academia Galega, que recolle na súa última publicación dixital na sección de "Novas" da súa web unha mención á publicación do libro e o video, e por extensión ao proxecto "Covelo, parroquia a parroquia". Pódese atopar aquí:https://toponimia.xunta.gal/gl/nova/descubrimos-o-proxecto-toponimico-covelo-parroquia-parroquia.


Na web do concello de Covelo temos a disposición pública información e acceso aos documentos do proxecto "Covelo, parroquia a parroquia" aquí:

http://www.concellodecovelo.es/?sec=92



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade