Proxectos de recuperación do patrimonio natural e cultural

Nos derradeiros 6 anos, a aposta decidida do Concello de Covelo pola conservación tanto do seu amplo e variado legado patrimonial como da rica diversidade animal, vexetal e paisaxística que atesoura o termo municipal, ten desembocado na execución de distintos proxectos conducentes á mellora e posta en valor dos seus elementos patrimoniais e naturais mais senlleiros. Obviamente, este esforzo non podería ter sido posible sen a colaboración das administracións provincial, autonómica e estatal, aportando a necesaria cofinanciación para a execución destes proxectos. Neste senso cabe destacar que o núcleo central destas accións, foi desenvolvido dende o proxecto da Axencia de Sostibilidade de Covelo creada ó abeiro do Convenio de Colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e o Concello de Covelo. Unha escolma dos distintos proxectos de conservación e restauración executados, é a seguinte:

  1. “Proxecto de Accións de Divulgación e Sensibilización do L.I.C. Río Tea en Covelo”: A finais do ano 2007, no marco da Orde de axudas a actividades de divulgación, formación educativa e estudios técnicos para os concellos incluídos na Rede Natura 2000 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e co L.I.C. Río Tea como eixo central, tiveron lugar a celebración das Xornadas sobre o Patrimonio Natural da Serra do Suído e Alto Tea, as actividades formativas para a xente nova e a edición web do Inventario Biolóxico do Río Tea. Nos seguintes enlaces obterás máis informacións sobre as accións desenvolvidas:
    • Microsite. O río Tea espazo protexido Rede Natura 2000. 
    • Inventario de flora e fauna da conca alta do río Tea. 
    • Tríptico Rede Natura: O río Tea en Covelo 
    • Paneis informativos Río Tea.

  2. “Aula da Natureza e Patrimonio Etnográfico do Serradoiro dos Carranos”. Ó longo do ano 2008, nun proxecto cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dotouse de contidos ó edificio auxiliar dunha das maiores xoias etnográficas do noso concello: o serradoiro hidraúlico dos Carranos. Co fin prioritario de crear unha aula da natureza que servira de porta de entrada e presentación do patrimonio natural e cultural do concello, presentámosvos a continuación unha pequena mostra dunha visita virtual á Aula da Natureza dos Carranos, previa a unha imprescindible visita á mesma.
    • Serradoiro dos Carranos.
    • Unidade Didáctica Carranos
    • Tríptico Carranos. 
    • Paneis Carranos 

  3. “Restauración da Ponte Abuiña”. Na parte alta do concello, entre as parroquias de Prado e A Graña, a ponte Abuiña salva o obstáculo que representa un Tea novo formando parte do camiño da Brea que comunicaba as terras do sur do Suído co Mosteiro de Melón do que dependían. Testemuña de acontecementos históricos, esta ponte atopábase en mal estado de conservación sendo restaurada nunha acción do Núcleo de Sostibilidade no ano 2008.


    Fotografía Ponte Abuíña.
  4. A “Guía da Natureza e do Patrimonio Etnográfico da Serra do Suído e Alto Tea” editada no ano 2009 grazas as axudas da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a accións de concellos incluídos na Rede Natura 2000, é unha publicación de carácter divulgativo e introdutorio á riqueza patrimonial e natural da serra do Suído deste espazo candidato a inclusión como Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000.
    • A serra do Suído e Alto Tea: Guía do patrimonio natural e etnográfico. 

  5. “A Xestión e Conservación da Auga na Bacía Alta do Río Tea”. Este proxecto abrangueu a realización de 9 charlas-coloquio noutras tantas parroquias de Covelo acompañadas dunha exposición itinerante e un tríptico, financiadas no ano 2009 ó abeiro da Orde de axudas de educación para a sustentabilidade da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
    • Exposición Itinerante sobre o Río Tea. 
    • Tríptico Río Tea. 

  6. “Proxecto de Accións de Incremento da Biodiversidade na Serra do Suído e Río Alén” No ano 2009 o “Proxecto de Accións para o incremento da biodiversidade na Serra do Suído e Río Alén” da Axencia de Sostibilidade de Covelo resultou premiado na Terceira Categoría do 2º Concurso de Proxectos para o Incremento da Biodiversidade da Rede + Biodiversidade da Federación Española de Municipios e Provincias. O proxecto que se desenvolveu entre outubro de 2010 e novembro de 2011 abrangueu en resumo as seguintes accións:
    1. Elaboración dun Inventario da Diversidade Biolóxica de Hábitats e Especies de Interese Comunitario na Serra do Suído e Alto Tea.
    2. Execución de accións conducentes á recuperación da diversidade biolóxica dos hábitats naturais en dúas liñas distintas:
      • Accións de incremento da diversidade en hábitats abertos: praderías, turbeiras e matogueira húmida atlántica nos montes comunais do Suído (CMVMC de Campo e Fofe)
      • Accións de incremento da diversidade de hábitats forestais no sobreiral de Chan de Mons e carballeiras do Alén (CMVMC de Barcia de Mera) e a recuperación de bidueirais seriais na serra do Suído (CMVMC de Campo e Fofe)
    3. Execución de accións destinadas á recuperación de poboacións de especies protexidas:
      • Mellora do hábitat reprodutivo de especies de anfibios na serra do Suído (graveiras e abrevadoiros abandonados).
      • Reprodución vexetativa dun fento protexido (Woodwardia radicans) no río Alén
    4. Implementación de accións de sensibilización e educación ambiental coa poboación local.
    5. Desenvolvemento de accións de monitorización e seguimento das actuacións executadas.

    6. Se desexas obter máis información sobre as accións desenvolvidas, tela nos seguintes enlaces:

      • Tríptico Accións Biodiversidade. 
      • Inventario Hábitats e Especies de Interese Comunitario na Serra do Suído e Alto Tea.    
      • Informe Final Reprodución Vexetativa Woodwardia. 
      • A Serra do Suído e Costas de Alén (Exposición Itinerante) 
      • A Serra do Suído e Costas de Alén (Paneis Fixos) 

  7. “Obradoiro de Emprego Covelo Natura Sostible” Os 26 veciños de Covelo participantes nos módulos de traballos forestais, cantería e carpintería do Obradoiro de Emprego Covelo Natura Sostible; fixeron posible a recuperación dos seguintes bens patrimoniais no desenvolvemento das accións deste proxecto formativo e de inserción laboral :
    1. Restauración dos Muiños de Portafurado (Parroquia de Barcia de Mera).
    2. Restauración do Muiño do Souto (Parroquia de Maceira).
    3. Restauración do matadoiro de gando de Maceira (Parroquia de Maceira).
    4. Recuperación da Rede de Camiños Tradicionais Barcia de Mera – Covelo, e Covelo – Maceira.

      Fotografias dos Muinos de Portafurado e do Souto

  8. “Proxecto de conservación e acondicionamento de espazos na Rede Natura en Covelo”. O cambio na orde de axudas destinadas a concellos incluídos na Rede Natura para os anos 2010 e 2011 da Consellería de Medio Rural, posibilitou que as accións executadas en base á concesión deste proxecto abranguesen a restauración e posta en valor dos seguintes ecosistemas e bens patrimoniais ligados ó LIC Tea dentro do termo municipal de Covelo:
    1. Consolidación da rede de camiños tradicionais recuperados no ano 2009.
    2. Restauración de 3 Ha de carballeira termófila e amieiral nas parroquias de Casteláns e Maceira, incluíndo a eliminación de especies exóticas (Eucalyptus globulus) nestas superficies do LIC Tea.
    3. Deseño dos seguintes materiais didácticos en torno á rede de camiños ligados ó val do Tea e á figura de protección da Rede Natura.
      • Microsite. O río Tea espazo protexido Rede Natura 2000. 
      • A ruta AQA: Tres paneis informativos. 
      • Tríptico sobre a ruta AQA. 


    4. Pasos de Lourido

  9. “Restauración de elementos patrimoniais e paisaxe agraria no entorno protexido dos ríos Tea e Alén (LIC Tea)”. Novamente a orde de axudas destinadas a concellos incluídos na Rede Natura na súa convocatoria para os anos 2012, 2013 e 2014, está a facer posible a restauración dos seguintes contornas naturais e elementos patrimoniais ligados ó polo de agora único lugar de importancia comunitaria declarado en Covelo, o LIC Tea:
    1. Posta en valor dos pasos e praia fluvial das Pereiras na parroquia de Casteláns.
    2. Recuperación de ponte e camiño tradicional no río Alén dentro da parroquia de barcia de Mera. 


    3. Pasos das Pereiras

  10. “Proxecto de Posta en Valor do Patrimonio Etnográfico Gandeiro da Serra do Suído en Covelo”. As subvencións a proxectos dinamizadores en áreas rurais promovidos polos concellos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) teñen feito posible a execución deste proxecto de posta en valor deste patrimonio único do concello de Covelo e da serra do Suído. Podes acceder ós resultados do proxecto, así como a esta páxina web de difusión que forma parte do mesmo:
    1. Web Proxecto Posta en Valor Patrimonio Etnográfico Gandeiro do Suído en Covelo.

     
 
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade