O goberno de Covelo pedirá a Patrimonio que axilice o máximo posible a resposta respecto ao tramo paralizado para retomar os traballos de mellora e restablecer canto antes a normalidade do día a día da veciñanza.
O pasado venres un grupo de arredor de cincuenta veciños e veciñas entregaron por rexistro de entrada un documento asinado no que amosan a súa preocupación por se se establecen limitacións á circulación de vehículos para acceso as súas vivendas. A este respecto o alcalde, Pablo Castillo, adianta que a solución final atenderá a criterios de embelecemento e, sobre todo, manterá a accesibilidade de vehículos e servizos ata os fogares como se viña facendo ata antes do inicio das obras.
A obra suporá unha mellora importante da estética da praza e do vial de acceso sempre co obxectivo de poñer en valor a zona e xerar un espazo agradable para a convivencia.