Actualidade e Noticias



Covelo acada 904.444€ do IDAE para instalar tecnoloxía LED en toda a iluminación pública exterior
- 30/09/2022 -

O alcalde Pablo Castillo informa que se actuará en 1.398 puntos de luz para conseguir un aforro enerxético do 69,51%
Novo respaldo da administración do Estado ao Concello de Covelo que vén de conseguir o apoio do IDAE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de España, para o cambio a tecnoloxía LED da iluminación pública exterior.

Dando cumprimento aos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías polo clima, o goberno de Covelo presentou o proxecto ao IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía de España, entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecológica) que acaba de concederlle 904.444€, subvencionando así o 100% do importe solicitado.

O concello actuará en 1.398 puntos de luz dos 1.563 existentes para substituir as luminarias actuais por novas de tecnoloxía LED, as restantes xa contan con esta tecnoloxía. Ademais, tamén reformará 81 dos 84 cadros existentes para adaptalos á normativa vixente e instalarase un sistema de telexestión en cabeceira que permite obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos. Con esta actuación diminuirase a potencia de 139,71 kW a 53,71kW e conseguirase un aforro enerxético de arredor do 69,51%.

 

Covelo aposta por un alumbrado eficiente e pola redución das emisións de CO2 contribuíndo na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. O alcalde, Pablo Castillo, adianta que o concello está en disposición de afrontar este gasto e adiantar os cartos para executar as obras que logo serán retornados ao ter acadado esta axuda financiada polos fondos Next Generation da Unión Europea a través do goberno de España.

É responsabilidade de todas e todos contribuír na mellora do noso futuro e como administración pública debemos sumarnos ao cambio necesario para a protección do planeta. A tecnoloxía LED ten unha vida útil maior, reduce o gasto enerxético, non contén mercurio sendo máis respectuosa co medioambiente e contribúe na redución das emisións de CO2, tamén permite regular a intensidade segundo as necesidades e facer así un uso máis responsable dos recursos”, explica Pablo Castillo.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade