As persoas participantes manterán un cara a cara con Santiago Peregrino e coa imaxe do Cristo resucitado podendo tamén observar as alegorías á agricultura, artes, industria e xustiza.
A visita guiada será este sábado 24 de setembro, podendo inscribirse nas seguintes quendas: 10:30; 11:00; 11:30; 12:00; 12:30 e 13:00 horas. As persoas participantes que non desexen subir tamén poderán recibir a mesma información a pé de rúa reservando, en todo caso, no número de teléfono 986 650027 (Concellería de Cultura) en horario de mañá ata o venres día 23 de setembro.
Aproveitando a presenza do equipo especialista que realiza os traballos de limpeza e conservación do cruceiro de ánimas do Santo Cristo dos Aflixidos o concello ofrece esta actividade guiada na que afondar no coñecemento desta valiosa obra de arte e no seu proceso de mantemento.
Explica o alcalde, Pablo Castillo, que a especialista introducirá as/aos participantes nas delicadas actuacións que se realizan tendo en conta sempre aspectos como a orientación, a climatoloxía da zona, a colonización biolóxica, o vento, o efecto da auga, as accións dos cloruros e as formas de degradación dos granitos, entre outros moitos aspectos. “Achegar o patrimonio á cidadanía e facelos partícipes non só da súa historia, tamén do seu coidado é fundamental para a posta en valor dos bens públicos. Nesta ocasión teremos a oportunidade única de subir e descubrir da man da experta matices descoñecidos e novas perspectivas”.
A intervención, que se realiza co apoio da Deputación de Pontevedra e trinta e cinco anos despois da súa última restauración, ten un custe total de 11.519,20 € e suprimirá ou minimizará os factores de alteracións actuais, ademais de previr, no posible, os futuros.
A actuación que se propón permitirá documentar e valorar o estado real de conservación do monumento e realizar intervencións conservadoras mínimas, que freen os factores de alteración existentes pero que non impliquen un cambio substancial no aspecto que o monumento foi adquirindo co paso do tempo”, explica o alcalde, Pablo Castillo.
Este equipo de especialistas traballa na eliminación de plantas, musgos e depósitos superficiais, no saneado das xuntas, no rexuntado, no tratamento de limpeza en húmido do granito e da serpentinita, no lavado de elementos metálicos, pegado de pezas soltas e revisión das pezas pegadas e reconstruídas na intervención anterior.
O tratamento do peto das ánimas será obxecto, tamén, da eliminación de niños de insectos, da fixación de escamas de pintura por inxección de resinas e protección de policromía entre outras accións.
Engaden os expertos responsables do proxecto que se conservarán os morteiros orixinais ou de reposición en bo estado que non sexan portadores de sales solubles, e mesmo aqueloutros cuxa eliminación implique danos no material orixinal. A elección dos materiais de restauración basearase na súa reversibilidade e eficacia, sen que alteren os compoñentes da obra, pouco agresivos co medio ambiente e coa saúde dos técnicos que os manexan.
Unha ollada histórica
O cruceiro de ánimas do Santo Cristo dos aflixidos está incluído no catálogo do Plan Básico Autonómico de Patrimonio Cultural e detenta un nivel e protección integral. Atribúese a súa autoría a José Cerviño García (Pepe da Pena) autor tamén do cruceiro de Hío.
Foi custeado por D. Juan Antonio Tielas Fontán, veciño de Covelo ( Castro), no ano 1899 doado dende a morte prematura da súa filla. Na súa construción únense a fe, a dor, a aflición, o amor e a esperanza da familia de Tielas Fontán.
A súa cronoloxía tardía pon de manifesto o raizame do cruceiro como elemento de identidade dos lugares, onde se conxuga a función relixiosa, protectora e sacralizadora dun determinado lugar, coa función udlitaria de guía e sinal das encrucilladas, neste caso tamén encrucillada vital.
O criterio de intervención se xustifica nas recomendacións realizadas desde ámbitos internacionais, a través das Cartas do Restauro, documentos doctrinales de ICOMOS e nas
directrices procedentes do IPCE sobre os criterios de intervención en materiais pétreos.