O río Tea. Auga, pedra e home

Rede Natura no río Tea: auga, pedra e home

Auga
Cando as nubes do Atlántico baten coa serra do Suído e o Faro de Avión, arrefrían e son obrigadas a descargar a auga que levan, continuando o modulado das montañas onde nace o río Tea. Por riba da cota dos 600 metros, estamos nos eidos onde máis chove de Galiza, onde nos últimos anos se pasou dos 4.000 litros/m2 anuais.

A presenza de grandes vales fluviais fai que sexan tamén frecuentes os neboeiros producidos pola inversión térmica nas noites despexadas e de ventos frouxos, o que crea unha paisaxe de mar de nubes dende os montes da que paga a pena gozar.
Con toda esta auga, ao clima tipo de aquí chámaselle“oceánico hiperhúmido con fortetendencia á aridez estival”, sendo paradoxal que no verán haxa un forte déficit de auga nos solos. A combinación de moita auga, e, polo tanto, lavado e erosión dos solos durante o inverno, e esta seca no verán fai que se conformen solos pobres e normalmente escasos, dándolle ese ambiente rústico á paisaxe das montañas que nutren o río Tea.

Pedra
O noso río tivo que traballar arreo para fender estas montañas de puro granito. Aproveitou e foi facendo o seu camiño polas zonas de falla tectónica que foi atopando, sendo hoxe testemuña do seu achegamento telúrico a existencia de fontes mineromedicinais na súa conca de Covelo (Lourido, punto de interese), así como as máis coñecidas en Mondariz. Levou todos os materiais que espiron os montes e fixeron os mais fértiles vales.

Home
A coevolución da paisaxe entre as accións humanas e as condicións xeoclimáticas conformaron a paisaxe do val do Tea. A zona está poboada dende hai milleiros de anos. As agrupacións megalíticas, restos da idade de bronce, castros e igrexas do sec. XII falan dunha continua historia de presenza humana (máis información).

É posible que as cotas máis altas fosen utilizadas xa no neolítico cos métodos de queima do mato para a rexeneración dos pastos, unha práctica que continuou até os nosos días, axudando á produción do gando pero aumentando as perdas de solo, a acidez e a deforestación. É probable que a presenza de bosque climácico fose diminuíndo progresivamente até mínimos históricos entre os anos 1700-1750, antes da chegada do piñeiro de Portugal e coincidindo coa gran demanda de madeira para estaleiros, travesas de tren, carbón vexetal, a minería ou a construcción.

Co progresivo abandono do agro dende mediados do séc. XX, as terras marxinais do fondo do val foron repoboándose naturalmente de bosque climático, facendo a maioría da masa da que hoxe gozamos polo Tea adiante. Estamos nunha situación de recuperación da carballeira debido a unha menor presión, pero temos unha forte ameaza. A presenza de masas forestais de piñeiros e eucaliptos moi achegadas ao río e o bosque de galería fan que, en caso de incendio, os danos sobre esta masa sexan moi impactantes, constituíndo en por si unha dificultade máis para a súa expansión.

Cando un vai coñecendo o río Tea, non deixa de abraiarse coa morea de construccións humanas, perfectamente mimetizadas no contorno, que constitúen un legado etnográfico suxestivo. Un pode adiviñar a manchea de persoas que choutaron polos pasos de Casteláns ou de Lourido, ou os amores que se deron en todos os seus muíños. Iso si, o impacto sobre o río destas infraestructuras era, presumiblemente, moi baixo, debido a que todas eran construccións moi pequenas e feitas con tecnoloxías rurais.

Ameazas e esperanzas
A tecnoloxía da que dispoñemos hoxe pode ser máis poderosa. Unha das maiores ameazas para a conservación do río é a construción de presas para aproveitamentos hidroélectricos. Nestes momentos, na conca do río Tea hai dúas centrais en funcionamento, sen escalas axeitadas que permitan o paso de especies migratorias.

Aínda así, temos un escenario moi esperanzador no Tea. A demolición de varios obstáculos nos últimos anos por parte da Consellería de Medio Ambiente (presa do Ceo, no lugar da Costa), polo interese piscícola das especies migratorias e a declaración de case todo o río como LIC da Rede Natura, fan deste caso unha rareza dentro dos ríos galegos.

Calidade das augas
Segundo a Confederación Hidrográfica do Norte –administración competente do río Tea–, a calidade das augas é boa, tanto para o consumo doméstico coma para o baño, cualificándoa de apta para salmónidos en todos os treitos. Segundo a mesma fonte, non existen deposicións industriais no Tea até a súa chegada a Ponteareas.


 
  O Río Tea: espazo protexido Red Natura 2000. Concello de Covelo.