Descripción

Este fermoso percorrido proposto permite coñecer unha mostra moi representativa do patrimonio etnográfico-gandeiro e natural da Serra do Suído

A vella e fortemente erosionada formación granítica da Serra do Suído, caracterizada pola combinación de pendentes abruptas nas súas caeiras con planaltos na liña de cumes, representa o límite meridional da Dorsal Galega, e a fronteira administrativa entre as provincias de Ourense (Concellos de Avión y Beariz) e Pontevedra (Concellos de Covelo, Fornelos de Montes e A Lama). Os valores de conservación deste espazo natural, candidato á inclusión na Lista de Lugares de Importancia Comunitaria da Unión Europea, veñen definidos sobre todo por albergar amplas superficies de ecosistemas seminaturais de matogueira atlántica e turbeiras nas que desenvolven o seu ciclo vital especies animais e vexetais propias de ecosistemas abertos como o lobo (Canis lupus), a gatafornela (Circus pygargus), a aguia albella (Circaetus gallicus), ou os amarelles (Narcissus cyclamineus, N. pseudonarcissus). Igual ou maior importancia que os valores de conservación naturais, ten o rico patrimonio etnográfico gandeiro da serra, que do mesmo xeito que os ecosistemas é o froito da interacción perante séculos entre o home, o seu gando e o medio natural.

O Patrimonio etnográfico gandeiro da serra do Suído en Covelo.

A paisaxe agrícola dominou durante os séculos pasados a meirande parte da superficie dos vales fluviais na bacía do Tea, ocupando os terreos de cultivo as terras máis fértiles en sustitución dos antigos amieirais e carballeiras. Os nosos antergos, labregos e gandeiros a partes iguais, precisaron domesticar e adaptar ás súas necesidades o medio natural e paisaxe da serra, para que durante o final da primavera e no verán o gando pacera no pasto tenro das brañas e praderías do monte ó tempo que as terras baixas ficaban intensamente traballadas. Froito deste secular manexo agrogandeiro, é a escolma de bens e elementos etnográficos que son resposta da dependencia dos poboadores, gando e cultivos, dos recursos naturais da Serra do Suído.

Galería fotográfica

Recopilación de fotos da ruta do Foxo do Lobo

Conxuntos etnograficos do foxo do lobo e dos chozos de bidueiros

Na ruta poderán apreciar:

  • Un conxunto etnográfico que xira en torno a un elemento central que é a “forca do lobo” como é coñecido o foxo polos veciños de Campo, está situado na portela que actúa como divisoria de augas entre as bacías do Tea e o Oitavén, na converxencia dos macizos de Espincelo e Suarquiña-Lombo da Serra.
  • Na caeira leste do Coto de Bidueiros, aséntase o conxunto etnográfico de Bidueiros formado polas chozas, currais e sesteiros destinados á explotación gandeira dos pastos deste macizo. O proxecto ten restaurado parcialmente tanto a superficie destes pasteiros de verán, como 5 dos elementos etnográficos enclavados nos mesmos e que son: as chozas de San Amaro, Peneda, Vilanova e Mera e o curral da Peneda.

Accesos

O roteiro na actualidade esta conformado por dous accesos dende distintos puntos da serra e ambos permiten a visita dos conxuntos etnográficos do foxo do lobo e dos chozos de Bidueiros. Un terceiro acceso (parcialmente sinalizado) pode abordarse dende a Poza de Piñeiro , lugar ata onde chega unha ruta sinalizada que parte do cemiterio de Piñeiro Ruta Poza Piñeiros  Inicio de ruta poza Piñeiro

Dende a parroquia de Campo:

Percorrendo a pista do foxo e ó longo dun percorrido 6,5 km. que segue o trazado ou vai paralelo a un dos ramais do antigo camiño da Brea, chegamos O Foxo de Lobo de Campo (a 5 km.) e ó Conxunto Etnográfico Gandeiro de Bidueiros (a 6,5 km.).

  • Inicio: Coordenadas UTM WGS84: X:550461 Y:4683852
  • Foxo do lobo: UTM WGS84: X:552960 Y:4685955 Foxo do Lobo
  • Remate (Bidueiros): Coordenadas UTM WGS84: X:551713 Y:4685693 Coto de Bidueiros
  • Lonxitude total aprox. (ida e volta): 13 Km.
  • Dificultade: Media/baixa.
  • Recoméndase roupa e calzado de montaña, e deixar os vehículos na manga de manexo gandeiro situada a 800 m. desta entrada.
  • Mapa

Incio dende a parroquia de Campo:

Dende a parroquia de A Graña:

Dende a pista forestal vella no final do vial do parque eólico na Chan do Libro.

  • Inicio: Coordenadas UTM WGS84: X:555188 Y:4682534
  • Foxo do lobo: UTM WGS84: X:552960 Y:4685955 Foxo do lobo
  • Remate (Bidueiros): Coordenadas UTM WGS84: X:551713 Y:4685693 Coto de Bidueiros
  • Lonxitude total aprox. (ida e volta): 11 Km.
  • Dificultade: Media/baixa.
  • Mapa

Incio dende a parroquia de A Graña