O LUGAR: A SERRA DO SUÍDO
O nome " Suído ", fai referencia á familia dos mamíferos omnívoros, os que pertencen o porco e o xabaril. A Serra do Suído forma límite natural, entre as provincias de Ourense e Pontevedra . Abrangue parte dos municipios de Avión e Beariz en Ourense e os de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo en Pontevedra . As chairas altas dificultan a súa precisión xurisdiccional dos límites provinciais, por iso, dende antigo, xa foi zona de litixio entre os Condes de Ribadavia e os de Soutomaior , señores do lugar. Algúns tramos da verea de Santo Domingo, tómanse como a divisoria provincial actual.
A súa extensión ocupa case 200 km cadrados. Xeolóxicamente, as formas suaves e cumes sempre verdes do Suído , ten unha orixe precámbrico e Paleozoico, sendo polo tanto, dos terreos máis antigos da Península. Forma parte dun cordón montañoso que divide en dous á rexión galega; ao Leste queda a cunca do Miño , polo sur ábrese o Val do Tea, o Monte Pedroso e o Faro de Avión; cara o Norte continua polos altos de Paraños coa Serra do Testeiro .
A altitude crece arredor dos 800 m., aínda que hai moitos cotos que superan os 900 m. e algúns cumes os 1.000 m.

A PLANTA
É rectangular, con muros considerablemente anchos, case de 1 m. de espesura, debido á carga que teñen que soportar. A porta de entrada é pequena, así como as ventás. O que máis chama a atención é os arcos de medio punto que se atopan na maioría deles. A clave do arco e as doelas son os únicos elementos de construcción que están traballados. Tamén teñen na parte externa do muro uns contrafortes, para que o arco non se abra co peso do tellado de granito. O tellado é a dúas augas.

A TÉCNICA
A técnica constructiva dos chozos é románica e data do s.XIII. Segundo os aldeáns, a súa orixe é do máis diverso: anteriores ós moros, da época dos celtas,... máis de 1000 anos. Segundo a tradición oral, xa no século pasado recordábanse como moi antigos. O tope inferior podémolo sinalar nos séculos de difusión do románico (s. XII e s.XIII. En Pena Corneira , no macizo da Serra de Avión, hai unha pequena igrexa románica, Santa María de Lamos (do s.XI-XII), o que nos dá unha referencia de que o estilo románico xa era coñecido na zona por aqueles tempos.

O USO DOS CHOZOS
O chozo é unha construcción que cobixaba ós pastores da serra do Suído , cando se alternaban diariamente para coidar o gando ó longo do ano. Nos meses de verán tiñan unha estancia continuada, substituíndo a quenda veciñal por un pastor fixo. O traballo consistía en levar o gando ós lugares máis axeitados en cada momento e evitar o perigo. Os vellos costumes no referente ós ladróns de gando eran ríxidos e sancionados con graves penas e serve como referencia o lugar denominado "Pena Forcada " (pena do aforcado), que nos fala dunha lei non escrita onde se axustizaban ós ladróns de gando. En torno a esta edificación principal, estaban unha serie de construccións menores, que se destinaban ao acubillo dos animais, recibindo o nome de " cortellos ". Cada familia tiña o seu.

A GANDARÍA EN EXTENSIVO E O LOBO
Neste lugar se pode atopar aínda a presenza dun depredador mítico en todos os pobos destes vales: o lobo. Nas Chans do Suído consérvase aínda un vestixio da abundancia deste animal en forma de trampa dedicada á súa captura e eliminación. Tamén atopamos as construccións denominadas " chozos " consistentes en recinto pechado en pedra onde se gardaban as vacas cos seus becerros que en aqueles tempos pastaban no monte. Este recinto circular incluía no seu interior unha construcción primitiva para resgardarse os pastores encargados ou pagados para vixiar as vacas pertencentes a propietarios de diversas parroquias e tamén de zonas mais afastadas (facíase unha transhumancia do gando e existían dereitos históricos de pastoreo en todas esas chans ).

Nos " Foxos do Lobo", construccións destinadas á eliminación do depredador, dous muros formando unha uve comezando nunha boca angosta, aumentan en altura e vanse estreitando ata desembocar nunha foxa profunda (3 -4 metros). Os gandeiros, en batidas e facendo ruídos, dirixían ós lobos cara esa canle alta e de pedra, ata que chegaban a ese foso final onde se vían obrigados a precipitarse empurrados polas pedradas e as longas " forquillas " de madeira que portaban os batedores. Unha vez dentro do foso e sen posibilidades de saír, remataban apedrados ou atravesados polas galla. Existen trampas idénticas no Parque Nacional de Serra Xerés que foron recuperadas e forman parte das rutas turísticas da parte portuguesa.

Na actualidade, a abundancia de gando vacún en extensivo provoca unha persecución similar se ben con métodos menos selectivos.

Algúns defenden que topónimos como o Pena Forcada (Pena do Aforcado) móstrannos ancestrais costumes no referente o trato dado ós ladróns de gando por estes territorios.